Reedición do mítico cómic de Reimundo Patiño e Xaquín Marín 2 Viaxes, pola Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones. Unha obra única esgotada hai moitas décadas.
O álbum gráfico 2 Viaxes publicado por Xaquín Marín e mais Reimundo Patiño, contra o ano 1975, representa o comezo da banda deseñada en Galicia. Foron os pioneiros dunha aventura que destaca pola súa orixinalidade e nidia vontade vangardista. Formaron un eficaz tándem artístico. Representa unha aventura fundacional na banda deseñada, cunhas características dunha radicalidade expresiva que mantén a súa intensidade mesmo hoxe en día. Trátase dunha das meirandes aportacións ao cómic underground en Europa.

Reimundo Patiño e Xaquín Marín foron conscientes da capacidade e comunicación do cómic, bos coñecedores das novas aportacións e posuidores duns recursos gráficos innovadores. A expresividade da liña e das composicións en viñetas sorprendentes propiciou achados singulares. Establecendo unha mensaxe a xeito de alegoría sobre a realidade do seu país, con críticas e parodias, trazan unha distopía a xeito de sinal de alarma.

Agora, case 50 anos despois daquel impulso fundacional na banda deseñada, temos a oportunidade, grazas a Fosfatina Ediciones e mais a Editorial Elvira, de ter nas nosas mans outra volta esta marabilla.
2 Viaxes reflicte os ensoñamentos e loitas contraculturais da mocidade daquela. Hoxe mergullados tamén nun mundo de incerteza as inquedanzas da que xurdiron estas viñetas han atopar un diálogo coas novas xeracións.
Antón Patiño