Rompente fúndano Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro en 1975. Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria rompedora en Galicia que comezou chamándose Grupo de Resistencia Poética e desembocou no que marcaría as súas vidas: O Grupo de Comunicación Poética Rompente. Publicaban poemas con aquela técnica de impresión coñecida como «vietnamita», e as multicopias con clixés. Rompente pertence daquela á prehistoria da modernidade poética galega. Empezaron tan novos que só os doutores de literatura galega saben da súa primeira xuntanza poética. Eran, en doses inexactas, un chisco «beat» e un chisco guerrilleiros. Unidos, a finais dos 70 do século pasado, Avendaño, Reixa e Romón autoeditáronse, fundaron Rompente Edicións e publicaron Silabario da turbina (1978) e A dama que fala (1983). En 1979, a serie Tres Tristes Tigres vería a publicación de 3 libros de autor: As Ladillas do Travesti (Reixa), galletas kokoschka non (Romón) e Facer Pulgarcitos Tres (Avendaño). Logo, reencontraríanse os tres, en papel, na antoloxía poética Upalás (1998). Facían «performances» e estaban obsesionados coa linguaxe «multimedia», pero esas palabras aínda non se usaban naqueles tempos. Subíanse a escenarios con músicos, como Julián Hernández (antes de que se fundase Siniestro Total), e colaboraban con pintores como Menchu Lamas e Antón Patiño para visualizar a súa expresión poética. Hoxe, uns 40 anos despois, teiman na poesía e volven dirixirse a palabra aínda que seguen falando sós.

Manuel M. Romón (Naceu en Vigo)
Romón volve a Rompente. De 1976 a 1983 formou parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente. Xunto con Antón Reixa e Alberto Aven- daño publicou Silabario da turbina (1978), A dama que fala (1983) e a antoloxía Upalás (1998). En galletas kokoschka non (1979), Anaí (1983), Miniaturas (1987), Nadir (1996), Et finira le jour de son commencement (2000) e Poesía barata (2006) compartiu páxina (dependendo do proxecto) cos pintores Menchu Lamas, Antón Patiño, Alberto de Sousa e Lito Portela, cos músicos Enrique X. Macías e Julián Hernández, e coa fotógrafa Dolores Ojea. Escribiu letras de cancións para Siniestro Total e para o Xabarín Club da TVG, empresa para a que traballou, entre 1993 e o 2017, como presentador de concursos e de programas culturais, guionista, tradutor, documentalista e actor secundario en series de ficción.
Alberto Avendaño (Naceu en Vigo)
Avendaño volve a Rompente. De 1976 a 1983 formou parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente. Xunto con Antón Reixa e Ma- nuel M. Romón publicou Silabario da turbina (1978), A dama que fala (1983) e a antoloxía Upalás (1998). En Facer Pulgarcitos Tres (1979) colaborou cos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño quen foron os deseñadores da Colección Tres Tristes Tigres de Rompente. Co pintor e arquitecto Alberto de Sousa compartiu traballos nas Follas de Resis- tencia Poética de Rompente. Cos músicos Enrique X. Macías e Julián Hernández compartiu escenarios en espectáculos de Rompente. Por un tempo traballou para a Radio e TV de Galicia e escribiu letras para Sito Sedes e Os Tamara. O seu máis recente libro de poemas en gale- go é Texas (2003). Autor de literatura infantil (dous Premios Barco de Vapor en Galicia), teatro, e tradutor ao galego de clásicos británicos e estadounidenses, nos últimos 30 anos Avendaño fixo carreira literaria e xornalística en Estados Unidos, onde traballou para The Washington Post, e o seu libro El Amor de tu Nombre–Poemas de dios, de diosas y de adioses, recibiu o International Latino Book Award (Los Angeles, 2016). Galardoado cos principais premios nacionais da prensa hispana en Estados Unidos, Avendaño conta tamén con tres Premios EmmyTM da Academia da Televisión estadounidense.
Antón Reixa (Naceu en Vigo)
Reixa volve a Rompente. De 1975 a 1983 formou parte do Grupo de Co- municación Poética Rompente. Xunto con Manuel M. Romón e Alberto Avendaño publicou Silabario da turbina (1978), A dama que fala (1983) e a antoloxía Upalás (1998). En As Ladillas do Travesti (1979) colaborou cos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño quen foron os deseñadores da Colección Tres Tristes Tigres de Rompente. Foi profesor de Lingua e Literatura Galega, profesión que abandonou para iniciar proxectos musicais, televisivos, literarios e cinematográficos. Funda o grupo de rock Os Resentidos (1982) cos que produce, entre outros, Fai un Sol de Carallo (1986) e Jei (1990). Colabora con Siniestro Total e forma o grupo Nación Reixa (1995). Dirixe para a TVG Mareas Vivas (1998). Adaptou e produciu a película El Lápiz del Carpintero (2002) basada na novela de Manuel Rivas e Hotel Tívoli (2007). Recibe o Premio Pedigree (2007) no Festival de Cans. En vídeo produciu e dirixiu, entre outros, Salvamento e Socorrismo (1985), Galicia Sitio Distinto (1989) e Ondas Van (2004). Os seus libros máis recentes son Látego de algas (2008), Leccións de Cousas (2011) e Michigan/Acaso Michigan, Crónica De 18 Días En Coma (2018), Melancoholemia (2020) e Outlet (2020).

Menchu Lamas (Naceu en Vigo)
Participa nas actividades do Colectivo da Imaxe. Colabora coa revis- ta Loia e no deseño das publicacións do Grupo Rompente. Membro fundadora de Atlántica, no comezo dos anos 80. As súas obras foron seleccionadas para mostras internacionais como «Bienal de Sao Pau- lo», «Europalia», «Five Spanish Artists» en New York, «Caleidoscopio Español» y «Spansk-Egen-Art» que percorreu diferentes museos es- candinavos. «Currents» no ICA de Boston, xunto a Polke, Leon Golub e Anish Kapoor. Seleccionada na mostra «Art d ́Aujourdhui–Art de Femmes», Musée du 20 ́eme Siécle de Viena. Expón en museos e ga- lerías de Alemaña: en Bonn, Colonia, Düsseldorf, Munich, Hamburgo, Stuttgart. Na Galeria Aline Vidal de París. O CGAC dedicoulle unha mostra retrospectiva que viaxou a Milán, Nápoles e Roma: «A sombra na man / A viaxe das formas». Elixida membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Realiza no Museo ARTIUM de Vitoria a mostra «Cólores nómadas/ Kolore Nomadak».
Antón Patiño (Naceu en Monforte de Lemos)
Participou xunto con Jorge Agra, Carlos X. Berride e Menchu Lamas no Colectivo da Imaxe. Colabora no deseño dos libros do grupo poéti- co Rompente. Participa na revista Loia (con Manuel Rivas, Xosé Manuel e Lois Pereiro). Membro fundador de Atlántica. Exposicións individuais de pintura en París, New York, Zürich, Amsterdam, Hamburgo, Estocolmo, Burdeos. Autor do cómic experimental Esquizoide e do libro Xeometría líquida. Dedicou libros a Urbano Lugrís (Viaxe ao corazón do océano), a Reimundo Patiño, Uxío Novoneyra (Universo Novoneyra), a Lois Pereiro (Radiografía do abismo, Quen corta os fíos do soño?, Dicionario de Sombras). Con Xavier Seoane publicou o manifesto Hai suficiente infinito. Ten publicado ensaios sobre teoría da imaxe: Todas las pantallas encendidas, Manifiesto de la mirada, De dónde vienen las imágenes. Tamén dos títulos Océano e silen- cio, Teoría do riso, Mapa ingrávido, Libro dos lugares, Libro dos lugares 2, A mirada Atlántica, Escritos de un sonámbulo. A mostra «Caosmos», no CGAC, recolle unha ampla panorámica das súas creacións.
Julián Hernández (Madrid, Ano da Rata)
Músico, etc. Colaboracións con Rompente e o Taller de Música Mundana de Llorenç Barber. Un non parar multimedia con Manuel M. Romón: pelí- culas de Super 8 e intervencións de spoken word (The Woman Who Said No, Nadir, Poesía Barata). En Siniestro Total desde 1981: máis de vinte ál- bums con centenares de cancións e unha aproximación perversa á música contemporánea en 2011 con Javier López de Guereña e o Taller Atlántico Contemporáneo, TAC (Land of Opportunity). A relación da banda con Joe Hardy, lendario produtor de Kentucky, acadou una marca histórica: 25 anos. Música para TV (Xabarín Club – TVG) e teatro (Batea, Artello Teatro, 1990). Columnas en demasiadas publicacións (a destacar Faro de Vigo, El País, Público, 20 Minutos, El Mundo, a Revista GQ, Rolling Stone e o fanzine Smecta). Un ensaio (¿Hay vida inteligente en el Rock and Roll?, Temas de Hoy, 1999) e unha novela (Sustancia negra, Espasa 2015) son toda a súa bibliografía en solitario. É hipermétrope. Participou nunha película pornográfica e entrou na RAE durante unhas horas. Vive con catro gatos e unha sequoia.
Texto extraído da obra QUE HOSTIA DIN OS RUMOROSOS?