Categorías
Editorial Elvira Prosa

QWERTY, a novela de Ramón Carredano que nos convida a viaxar no tempo

Ramón Carredano (Noia, 1950) presenta a súa nova novela QWERTY, editada por Editorial Elvira, e que obtivo o segundo premio no Certame Vilar Ponte na súa edición do ano 2019.

Unha novela de viaxes no tempo sempre e entretida e interesante, é a maneira perfecta de viaxar a través de diferentes períodos históricos sen necesidade de despeiteármonos nin desintegrármonos nos famosos buracos de verme.

Abrindo as páxinas de QWERTY imos atoparnos acompañando os personaxes desta novela de Ramón Carredano nunha pinza temporal moi ambiciosa, dando saltos no tempo entre o século XVIII e un futurible século XXX, grazas a un obxecto que descubriredes adentrándovos nunha lectura moi amena e divertida.

Atreverse coa ciencia ficción e, máis concretamente cos xogos temporais, ten moito de valente, pero é que a Ramón Carredano lle gusta tamén escribir novela histórica e isto nótase nos pequenos detalles de cada unha das épocas que quere mostrarnos. Non hai fallos de raccord nin un só elemento fóra do seu contexto histórico.

Se ti tamén queres converterte nun cronoviaxante para gozar das reviravoltas dunha historia humana e emocionante, QWERTY é a novela que estabas a esperar. Vai engancharte, prometémolo, e vas ter que ler ata a última liña para descubrir todos os seus misterios.

A vistosa cuberta é obra do artista Alfonso Costa e Alejandro Gaudino é o autor das ilustracións do seu interior, que dan un sentido especial á historia, convertendo este libro nun obxecto total, tal e como ocorre con cada edición de Editorial Elvira.

Trátase dunha novela con moito espírito galego, dirixida a todas as persoas interesadas na ciencia ficción desde os 16 ata os 99 anos. Vai chegar ás librarías e á tenda en liña da editorial ao longo do mes de abril e pronto poderemos gozar de presentacións na compaña do autor en diferentes cidades da nosa contorna.