Categorías
Libro-disco Poesía

«Escolma aberta» no Auditorio do Concello de Vigo

O vindeiro martes, 9 de novembro, imos encher de música en galego o Auditorio Municipal do Concello de Vigo. Coa voz de Alberto Cunha como fío condutor, viaxaremos por eses recordos sonoros que marcaron unha época e que sempre paga a pena volver a visitar.

Acompañado por Andrés Cunha á guitarra e polo artista Ramón Trigo ás acuarelas, Alberto dirixiranos polo libro-disco Escolma aberta, un proxecto cheo de amor á cultura galega. Vai ser un percorrido desde o romanticismo de Rosalía de Castro, ata a nova canción galega da década dos anos setenta, a través de 10 poemas que son 10 cancións míticas nas que se  fusionaron importantes figuras do noso eido cultural.

Tendo en conta todos estes compoñentes, atrevémonos a dicir que este acto vai ser moito máis que un concerto. Vai ser a reivindicación de todo o que constrúe a identidade galega: a literatura, a música ou a arte.

A entrada é libre ata completar aforo (que gusto recuperar os bos costumes!), pero terán preferencia as persoas con invitación. Estas invitacións son totalmente de balde e poden recollerse en 5 puntos estratéxicos da cidade:

  • Editorial Elvira (rúa Santiago, 11)
  • Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12)
  • Libraría Cartabón (rúa de Urzáiz, 125)
  • Libraría Versus (rúa de Venezuela 80)
  • Pick-up discos (rúa do Progreso, 14)

Estamos tan contentos pola celebración deste concerto que decidimos activar unha promoción especial para o libro-disco Escolma aberta na nosa tenda en liña: unha rebaixa de 5 euros sobre o seu prezo habitual. Tamén gozaredes deste desconto se comprades Escolma aberta na editorial de maneira presencial. A idea é que todo o mundo que teña interese por asistir a este espectáculo musical veña cos deberes feitos e as letras ben aprendidas.

Esperamos vervos a todos e a todas o vindeiro día 9, ás 20:00 horas, no Auditorio do Concello. Prometémosvos que vai ser unha tarde moi especial.