Categorías
Editorial Elvira Prosa

Antón Patiño, militante da melancolía, presenta «Libro dos lugares» en Librouro

Onte a presentación de «Libro dos lugares» foi un evento máxico no que a psicanálise e a filosofía flotaron entre as forzas telúricas dos alí presentes dunha forma moi natural. Ademáis de celebrar os 50 anos da emblemática librería Librouro, un espazo ben coñecido por todas e todos, reflexionouse sobre a arte, sobre a propia identidade, sobre a melancolía líquida e sobre os «non-lugares», por suposto.Para Editorial Elvira é un libro moi especial, do que estamos moi orgullosos e parécenos un agasallo en si mesmo. Un esforzo ilusionante que mereceu moito a pena, «Libro dos lugares» é un galano para todas e todos aqueles que teñan o pracer de lelo, un regalo que dignifica a nosa cultura galega e recupera grandes nomes e escenas que nos fan lembrar que somos unha cultura importante aínda que periférica. 

Tanto Xina Vega como Ramón Nicolás acompañaron a Antón e ao noso editor Xabier, e expuxeron as súas certeiras análises facendo referencia á memoria sentimental, ás formas e ao sentido dunha obra chea de recunchos que forman parte da realidade da humanidade. «Antón escribe como pinta», dixo Xina e é verdad, aí está a maxia. Os seus relatos case se poden compoñer visualmente, por iso é tan sixela a súa lectura a pesar do intenso do seu contido e esas imaxes teñen o poder de quedar fixas no subconsciente. Antón Patiño é un militante da melancolía que define a súa obra como un «alegato contra o tempo» e ten todo o sentido do mundo se temos en conta que non aparecen moitas datas no libro e que é un exercicio de literatura case circular. Circular polo autobiográfico, polo íntimo e polo metafísico, sen academia e sen afectación. O «non-lugar» como un espazo mítico do confort persoal, o «des-lugar» como un punto de partida de revolución interior e de crítica capitalista. Retomar o recordo como presente e transformar a realidad, diso trata «Libro dos lugares».

«A cabeza dun artista é como un país libre».
Categorías
Editorial Elvira Prosa

Libro dos lugares: a memoria de Antón Patiño

A portada xa nos avisa, atopámonos ante algo moi especial: o individuo, intimamente ligado ao contexto, preséntase como unha especie de exercicio de regresión a todas esas referencias que conforman a identidade, construída sobre unha base de sensacións efémeras e de forzas telúricas que baten co propio concepto de identidade. 

Á primeira vista podería parecer que Libro dos lugares é un conglomerado de ideas mesturadas con vivencias do autor; memorias sen datas concretas, pero a verdade é que funciona como unha terapia de reconciliación profunda coa aprendizaxe que achega cada lugar, cada recuncho visitado e vivido. Porque os lugares, entendidos case como un plano de conciencia, hai que visitalos pero é fundamental vivilos, mentres nos empapamos dun infinito temporal que conforma as diferentes capas da realidade. 

Se observamos Libro dos lugares no seu conxunto e con atención, vemos que se trata de pequenas reflexións en forma de relato que falan da cultura como un ente cargado de maxia transformadora. Un refuxio ao alcande de todas e todos, un amuleto que coida dos nosos anceios e unha forza interior á que debemos dar voz para nos manter vivas e vivos. Por iso convidámosvos a facer voso este libro, a lelo e relelo coa mente aberta e visión crítica, porque no fondo é un exercicio persoal de percepción cultural. 

Como Patiño di claramente nun dos seus textos con fermosas palabras:

«[…]A utopía da arte vai abrir novas xanelas cara o descoñecido. Auctor é o que aumenta. O que aporta novos territorios. O que arrabuña na «terra incógnita» dende as exploracións da mente. Percepción aberta cara ao descoñecido […]». 

Será que o concepto de cultura, en toda a súa amplitude, é en realidade a nosa propia identidade? Que mellor xeito de descubrilo que mergullándonos nos mundos e inquietudes doutra persona disposta a compartir os seus recordos con nós para axudarnos a construír ese imaxinario mítico e necesario?

Xa podedes atopar esta xoia nas mellores librerías e na nosa tenda online.