Categorías
Editorial Elvira

«Escolma aberta» no Museo Verbum

Presentar un novo traballo sempre é emocionante, pero se ese traballo toca os recordos sonoros de toda unha xeración, convértese en algo moi especial. Este é o caso de Escolma Aberta, libro-disco que presentamos o pasado 14 de xuño no museo Verbum. 

Na mesa, o editor Xabier Romero, o escritor do limiar, Antonio García Teijeiro, a concelleira Elena Espinosa en representación do Concello, e o autor desta obra que é unha mirada de 360º á nosa cultura, Alberto Cunha. O escenario non pode ser más axeitado: a Casa das Palabras nin más nin menos, un lugar onde as verbas son as protagonistas. Temas a tratar? A nosa literatura, a nosa arte, a nosa música, a nosa oralidade… unha escolma de galeguidade absolutamente aberta a toda persoa que se queira achegar a este universo e manter vivo ese espírito. 

Este libro-disco componse de dez cancións que antes foron dez poemas e que agora son reinterpretadas por Alberto Cunha para darlles unha nova vida. Hai que sumarlle dez textos de amigas e amigos que son referentes no eido cultural galego, reivindicando eses poemas. E todo isto vai acompañado pola marabillosa arte de Ramón Trigo que consegue que cada páxina sexa unha experiencia en si mesma. Estamos ante unha obra que é unha homenaxe total á cultura galega.

No seguinte vídeo podedes ver a grabación íntegra do evento e gozar dos poemas cantados en directo:

Gustarianos aproveitar para volver a darlle as grazas a todas esas persoas que colaboraron para facer posible este traballo. Nomes tan importantes como: Jacobo Buceta, Javier Ferreiro, Moncho Lemos, Antonio García Teijeiro, María Lado, Ledicia Costas, Pati Blanco, Noelia Otero, Eduardo Rolland e Clara do Roxo. E tamén a eses valentes que, nun momento moi escuro da nosa terra, se atreveron a cantar na nosa língua: Luís Emilio Batallón, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubio, Os Tamara, Juan Pardo e Vicente Araguas.

Na seguinte ligazón poderedes acceder ao producto na nosa tenda en liña:

Categorías
Editorial Elvira Poesía

ESCOLMA ABERTA xa está aquí

Hai cousas que nunca deberían caer no esquecemento. Esta é a proposta de Escolma aberta, un traballo que hai uns meses comezaba unha viaxe no tempo e que hoxe ve a luz coa certeza de recuperar esa esencia que non debe morrer co paso dos anos.

Dez poemas que se converten nun libro‒disco que fusiona música, literatura e pintura: unha homenaxe total á cultura galega. Dez poemas que son dez cancións que forman parte do recordo sonoro de varias xeracións de galegos e galegas grazas a Luís Emilio Batallón, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubio, Os Tamara, Juan Pardo e Vicente Araguas; voces valentes que se atreveron a cantar na nosa lingua nos momentos de máis escuridade e que merecen ser reivindicadas.

Escolma aberta quere dotar dun novo son as letras de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, Alfredo Conde, Manuel Curros Enriquez e Bernardino Graña Villar. Alberto Cunha é o encargado de dar ese halo de modernidade a estes poemas míticos, reinterpretándoos con ritmos máis actuais.

Cada unha destas composicións vai acompañada dun comentario feito por diferentes personalidades do eido cultural galego. Deste xeito conséguese dar unha visión de 360 graos desas pezas musicais que dalgún xeito seguen pertencendo ao imaxinario colectivo da galeguidade. Das ilustracións que completan esta obra encargouse Ramón Trigo, enchendo de maxia un libro que ten o espírito de perdurar no tempo.

Podedes facervos con Escolma Aberta na vosa librería de confianza (se non o teñen poderán encargalo sen problema) ou na nosa tenda en liña facendo click no seguinte botón:

Aproveitamos para deixarvos unha pequena mostra en forma de video musical do cover que fixo Alberto Cunha do poema de Ramón Cabanillas «A Rosalía de Castro», que xa musicara Juan Pardo no ano 1976:

Rosalía ña Nai Miña Santiña
Rosalía ña Nai Miña Santiña,
Mentra–La Rula Milagreira Escoito
Sinto Unha doce Man Que Me Acariña