Categorías
Historias no Camiño

Resolución do certame «Historias no Camiño»

«Os fillos pequenos», da lucense María Jesús González Rodríguez, é o relato gañador do concurso «Historias no Camiño», organizado pola Editorial Elvira e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A lectura dos relatos elixidos polo xurado foi realizada esta tarde pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o responsable da editorial Javier Romero e retransmitida por streaming en directo.

O editor Javier Romero foi o encargado de dar lectura á resolución do xurado e deu as grazas aos membros do mesmo pola súa colaboración de forma desinteresada. Tamén anunciou que agora comezan a traballar na confección do libro «Historias no Camiño», que será presentado no mes de setembro e, se a evolución da pandemia o permite, nun acto público. Pola súa banda, a delegada da Xunta de Galicia recoñecía que xa estaba desexando ler as historias que aparecerán no libro, que nos amosará as vivencias das persoas que fan o Camiño.  Marta Fernández-Tapias recordou que o programa O teu Xacobeo non conta só con grandes eventos, senón que tamén está formado de moitas pequenas accións como a deste concurso de relatos. 

«Os fillos pequenos» é unha historia chea de humor moi galego, cargada de simbolismos e na  que se transmite tamén a maxia do Camiño pero cunha visión diferente. Este relato seleccionado como gañador percibirá 1.500 euros (dos que se deducirán automaticamente as retencións marcadas por lei, en concepto de dereitos de autor pola publicación do libro «Historias no Camiño». Tamén foron seleccionados polo xurado outros once  textos cuxos autores/as percibirán en concepto de dereitos de autor 150,00 euros (cos descontos correspondentes).

Hai que recordar que o xurado estaba composto por Jacobo Buceta, xornalista; Ledicia Costas, escritora; Patricia Meira, poeta; Noelia Otero, xornalista; Clara do Roxo, escritora; María Lado, poeta; Lúa Mosquetera, filóloga galega e escritora; Rubén Romero, xestor de eventos e editor de Fosfatina Ediciones e Xabier Romero, responsable de Editorial Elvira.

Categorías
Historias no Camiño

Relato: «Promesas no Camiño»

Este é un proxecto que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. 
Historias no Camiño é moito máis que un certame de relatos. 
É un compromiso total coa nosa riqueza cultural. 
E esta é a historia do peregrino que acompañounos na nosa conta de Instagram 
durante o periodo de recepción de relatos. 

Etapa 2: San Juan de Villapañada – Salas (20,2 km)

Levamos dous días camiñando. Normalmente o paseo diario limítase a dous quilómetros de ida e dous de volta, sempre os mesmos recunchos e as mesmas persoas. Algúns sábados pola mañá imos a un parque forestal e corremos, pero pouco máis.

Non sei que lle pasa á humana. Leva unha mochila moi grande, os zapatos que cheiran a humidade de estar agochados no fondo do armario e un pau longo que me dá medo. Creo que está triste, por momentos ten a cara chea de auga salgada.

Etapa 3: Salas – Tineo (20,2 km)

Camiñar polo campo é moi divertido, sobre todo cando hai vacas. Encántame asustalas. Corro detrás delas e belíscolles as patas ata que empezan a correr en círculos e póñense bravas.

A humana preocúpame. Fatígase moito. Non comeu máis nada que unhas améndoas rancias e di cousas raras. Non a entendo. Estivo bastante tempo metida nun sitio que cheiraba a vela.

Etapa 4: Tineo – Pola de Allande (28,2 km)

Hoxe cruzamos varios ríos e bañeime. A auga estaba moi fría, pero despois de tanto subir e baixar deume moito gusto mollarme un pouco.

O aparello de demo soou por primeira vez dende que marchamos da casa. Xusto cando estabamos a entrar nunha aldea bastante silenciosa. Mentres a humana estaba a falar soa, co aparello do demo apoiado nunha orella, eu aproveitei para investigar un pouco. Atopeime media barra de pan duro na xanela dunha casa; que rico estaba!

Etapa 5: Pola de Allande – La Mesa (22,8 km)

A humana espertou sobresaltada e puxémonos a camiñar cando aínda estaba escuro. Mentres camiñe non hai problema, parece que a move unha forza externa e estraña. Case nin me fala. As noites son máis movidas, pásaas moi inqueda ―as veces berra!― e non me deixa durmir ben.

Creo que estamos a seguir unhas pedras con frechas amarelas. Mexei nalgunha delas

Etapa 6: La Mesa – Grandas de Salime (16,8 km)

Orballa. É moi canso camiñar baixo a choiva, pero polo menos imos costa abaixo. Levo posto o anaco de tea ese para mollarme menos, ódioo. Gustaríame estar na casa coa miña irmá gato, marchamos deixándolle o comedeiro a rebentar de boliñas pequenas. Están moi ricas, saben como a peixe.

Miro de esguello á humana, está empapada. Os dous estamos enchoupados. Boto de menos a miña manta. Hai auga por todas partes e de súpeto ese cheiro

Etapa 7: Grandas de Salime – A Fonsagrada (28,1 km)

Creo que teño pulgas, é posible que as pillase no cortello no que malamente durmimos a outra noite.

O cheiro acompáñanos. Cheira como a raíces podrecidas.

Non quero separarme da humana con esta néboa. Véxoa moi débil e cada vez máis ausente. Parece unha autómata camiñando. Ás veces senta baixo unha árbore e dorme uns minutos cos ollos abertos.

Etapa 8: A Fonsagrada – O Cádavo Baleira (23,4 km)

De cando en vez cruzámonos con outros humanos; adoitan ser momentos moi agradables. Pero hoxe non.

Ao pasar por un sitio cheo de pedras ordenadas de maneira estraña, o cheiro fíxose intenso e apareceu unha figura escura detrás de nós. Era case un borrón. Encrespóuseme todo o pelo e rosmei; a humana seguiu camiñando coma se nada. Cando a figura empezou a moverse lentamente cara a nós, volvinme tolo e acabei estampado contra unha árbore porque resulta que esta figura escura se pode atravesar.

Non entendo nada. Agora somos tres camiñando.

Etapa 9: O Cádavo Baleira – Lugo (30,5 km)

Esta noite non durmín nada, non me afago á figura escura. Non parece que queira facernos nada, pero a súa presenza incomódame. A humana está tan ausente que esqueceu a miña comida. Tento chamar a súa atención, pero non me fai moito caso.

Fixeime en que non interactúa coa figura escura. Será consciente de que nos acompaña? Cada vez témola máis preto e ocupa máis espazo.

De súpeto coches, xente, luces, ruído e unha muralla moi bonita… teño fame e a figura escura desvaneceuse.

Etapa 10: Lugo – San Romao da Rotorta (19,7 km)

Non me gusta camiñar polo piche, oxalá estar no campo ou nas montañas outra vez. Pero as pedras amarelas mandan. Estou ata o fuciño das malditas pedras amarelas e da figura escura que volve a estar detrás nosa, camiñando nun silencio sobrecolledor. En realidade non camiña, desprázase como a flotar e parece que non se cansa nunca. Se a humana para a durmir cos ollos abertos, párase e espera paciente.

Non fala porque non ten boca. Só mira intensamente, coma se te estivese a mirar por dentro. Ás veces penso que é capaz de saber o que estou a sentir e entón empezan os arrepíos.

Etapa 11: San Romao da Rotorta – Melide (27,7 km)

Quero chegar xa onde queira que estemos a ir. Cada vez vemos máis humanos, aínda que parece que a ninguén lle molesta a presenza da figura escura. Creo que só a vexo eu. Seica está a medrar e dame moito medo, pero se lle rosmo, a humana enfádase conmigo e ameázame co pau longo. Non o solta, ata dorme abrazada a el.

Quedei un intre só coa escuridade na porta dun deses sitios silenciosos e con luces tintineantes que tanto lle gustan á humana. Cambiou de forma, fíxose livián e meteuseme na alma a través do fuciño uns minutos. Pode que estea toleando, pero ese fedor é moi real e agora o levo conmigo.

Etapa 12: Melide – O Pedrouzo (33,3 km)

Hoxe empezamos a camiñar tarde, pasamos moi mala noite. A humana non parou de vomitar un líquido negro e viscoso ata ben entrada a madrugada. Estou convencido de que é cousa da figura escura; seguro que tamén estivo dentro do seu corpo tal e como fixo comigo. Xa non somos os mesmos e eu xa non teño medo.

Algo me di que estamos a piques de chegar ao noso destino e a humana está moi fraca. Demacrada e pálida, case transparente. Eu tambén estou fraco, pero teño tan pouca fame que nin puiden gozar do anaco de queixo que atopei debaixo dunha mesa a metade de camiño. Co que me gusta o queixo…

Etapa 13: O Pedrouzo – Santiago de Compostela (20 km)

Esta cidade cheira a humidade. A humana desapareceu de súpeto; é coma se a tragasen as rúas de pedra… Levo horas deambulando sen rumbo, pero ao chegar a unha gran praza atópome cunha fila de cúmulos translúcidos, flotando e agardando de xeito paciente para subir unhas escaleiras que levan a un edificio moi bonito. Son como a figura escura pero de diferentes tamaños e cores.

Nese momento aparece un biosbardo que se asusta cando nota que podo miralo. Achégase con coidado e cóntame que eses borróns son promesas que a xente lle fai a un tal Santiago. E claro, promesas hainas de todos os tipos. Así que a promesa que fixo a humana debe ser algo turbio e a figura escura estáballa cobrando.

Teño a sensación de que non vou volver ver a humana nunca máis.

O meu novo amigo ofréceme refuxio e dime: «Xogar coa maxia negra sempre é perigoso».

Categorías
Editorial Elvira Historias no Camiño

Consellos para peregrinos principiantes

Xa vos dixemos que Historias no Camiño é moito máis que un novo certame de relatos. É unha actividade que forma parte do programa «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo promocionar e pór en valor o Camiño de Santiago como un ben cultural que nos pertenece a todos e a todas. O Xacobeo 2021 vai ser algo estraño; por iso, ademais de animarvos a participar con vosos relatos en Historias no Camiño, queremos facilitarlles a vida a todas esas persoas que, a pesar das adversidades, están a pensar en facer o Camiño e se queren preparar física e mentalmente.

Se decidiches peregrinar ata Santiago de Compostela, prepárate para vivir unha experiencia transformadora que vai marcar a túa vida para sempre. Ten en conta que o Camiño de Santiago está cheo de historia, de lendas e de segredos esperando a ser descubertos.

Pero antes de empezar a marcha non debes esquecer algunhas cousas básicas:

Elixe o Camiño que máis se adapte ás túas necesidades, tendo en conta o tempo que queres investir e as túas capacidades físicas. Se é a túa primeira vez, quizáis o Camiño Francés sexa a mellor opción. Ao ser o máis popular ten máis servizos e está mellor sinalizado.

Ponte en contacto coa Asociación de Amigos do Camiño máis próxima para que te informen ben de todo e che faciliten a credencial, que é a identificación oficial do peregrino coa que terás acceso aos albergues e á ansiada Compostela.

Un pouquiño de preparación física nunca está de máis. Se non tes por costume camiñar moito, é posible que o Camiño te frustre e non poidas gozalo como desexas. Os expertos recomendan empezar a prepararse dous meses antes.

Non é boa idea estrear calzado. Leva sempre botas, zapatillas de deporte, sandalias… especiais para camiñar e que xa estean usadas e adaptadas aos teus pés. O obxectivo é evitar as bochas e as rozaduras que poden converterse nun auténtico calvario. Lembra tamén que o mellor é ducharse pola noite, unta os pés con vaselina ou crema hidratante e utilizar calcetíns de calidade e sen costuras.

Á hora de preparar a túa mochila, énchea só coas cousas estritamente necesarias (se son de secado rápido mellor), tendo moi presente que non debe superar os 10 kg de peso. Aínda que a idea é non usalo moito, unha batería externa para o móbil nunca está de máis e un caderno no que apuntar as túas cousas, tampouco.

Leva SEMPRE auga e algo de comida (os froitos secos, chocolate e as barritas de cereais son perfectos).

Non ensucies o Camiño. Leva contigo unha bolsa de plástico na que poder acumular os teus desfeitos para tiralos ao lixo en canto termines a etapa.

Goza do proceso e respecta o Camiño. Isto non é nin unha competición, nin unha festa. Aproveita toda a aprendizaxe que che ofrece a peregrinaxe.