Categorías
Cuento Infantil Editorial Elvira

Ás veces ocorre

Ás veces ocorre. Hai intres nos que se atopan pequenos oasis nos que a paz resplandece titilando na noite das nosas rutinas. Unha paz que sosega o esprito e o alimenta con soños e con vivencias compartidas.

Non hai moito tempo ocorreu. Un deses intres apareceu no camiño. Era a presentación dun libro. Os libros son algo máxico, pero este éo dunha maneira especial. Os libros recórdannos que no comezo da escritura, en tempos xa esquencidos, o coñecemento das letras e o dereito a plasmalas estaba reservado a uns poucos. Non só eran vehículos de coñecemento, senón que tamén eran trazos cos que se debuxaban feitizos arrebullados arredor dos soños.

Pero como dicíamos, este é un libro moi especial: é unha deliciosa mistura de letras e debuxos. É un libro que se le co corazón máis que coa cabeza, porque saiu do corazón e os corazóns enténdense entre sí sen necesidade da fala. É un libro que conta un conto, ou mellor dito, é un libro que fai chegar un conto ó noso corazón de meniño. Cóntanos que a vida está contida no pequeno, está contida nun canciño. Este conto ensínanos que a vida pode ser descuberta no ollar dun animaliño que remove algo no interior da xente que está ó seu carón, sacándoos da rutina, empuxándoos a unha loita fermosa na que o corazón é o capitán e o amor é o mar no que navega o paquebote da espranza.

E estando alí, escoitando as verbas das persoas que lle deron forma a esta obra sinxela e fermosa, decátome de que eu tamén coñezo a mirada do canciño. Véxoa prendida no ollar dos que soñan e no reflexo cristalino do orballo do amencer. Véxoa no sorriso dunha meniña e no resplandor do lume nunha lareira. Véxoa nas mans facendosas dunha velliña de cabelos de prata e na luz tinguida de solpor.

A mirada do canciño que nos remexe e empurra está en tódalas pequenas cousas, na sinxeleza do que en verdade paga a pena. E faime pensar nas dimensións enormes, cósmicas, que diría a autora, deste libro. Un conto que nos leva ó lugar onde os nosos soños esbaran polos bordes da memoria e se mergullan na negra paisaxe dos nosos medos e das nosas dúbidas. Lévanos alí cun berro de luz que prende coa cor vermella do noso amor e que alumea coa cor branca do camiño estrelecido as nosas espranzas de cor verde que se achegan por él. Espranzas da cor do ollar do canciño.

Moitas grazas por me invitar a compartir un deses intres. Ás veces ocorre.

Texto de José Manuel Varela e imaxes de Laia e Xexe.

Moitas grazas aos tres!