A música en Galicia é un ben moi prezado: encántanos cantar e bailar. Isto demostrámolo en todas esas verbenas populares que enchen a nosa xeografía cada verán (e que volvan pronto, por favor!), na importancia das orquestras e nos programas da televisión autonómica onde parece que sempre é fin de ano. É parte da nosa idiosincrasia e unha alegría para o espírito.
Hai moitísimos artistas que se encargan de fusionar todos ese elementos que forman parte da identidade desta terra chea de contrastes: as raíces celtas, o folclore, os ritmos latinos, as novas tendencias musicais… O Camiño de Santiago vertebra dalgunha maneira unha parte importante da cultura galega. Séculos de peregrinos, procedentes de todas as esquinas do mundo, converteron este percorrido espiritual nunha confluencia de saberes intelectuais de grande importancia que foron construíndo unha identidade de mestura moi particular.
O mundo moderno troca a toda velocidade e tamén trocan as motivacións para empezar unha peregrinación destas características. O actual concepto de espiritualidade non é o mesmo que anos atrás, pero as motivacións de autocoñecemento seguen a ser parecidas. Neste sentido hai cousas que se deben manter, como é a transmisión dos nosos valores culturais. Por iso parécenos interesante pór a vosa disposición unha listaxe de reprodución enchida deses artistas que foron capaces de dar unha volta ás nosas tradicións e que cremos que poden ser unha boa compañía na peregrinación ou na vida en xeral.
A idea na que se basea «Historias no Camiño» é a de pór en valor a nosa cultura co Camiño de Santiago coma fío condutor. Trátase dunha actividade beneficiaria do programa «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia e estamos convencidos de que nos vai traer moitas sorpresas.