Como cada abril desde hai máis dunha década, o Certame de Relatos Vigo Histórico celebra a súa presentación. Este concurso, que naceu co obxectivo fundamental de dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e incluso do estranxeiro, sigue fiel á cita cos seguidores e seguidoras e volve abrir as súas portas e, novamente, Vigo será o escenario das mellores historias de amor, terror, misterio, humor ou ciencia ficción.
Así, hoxe celebrouse a rolda de prensa para anunciar a convocatoria da décimo terceira edición do certame, unha proposta que naceu no ano 2014. Na mesma estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero, e a integrante do xurado, Clara do Roxo.
Romero asegurou que o certame de Relatos Vigo Histórico é un proxecto irrenunciable da editorial, “porque nos identifica con Vigo e con Galicia e forma parte do tecido cultural da cidade”. O editor agradeceu o apoio da Deputación nestes últimos anos, o traballo do xurado e destacou a colaboración con IgualArte.
Clara do Roxo animou a escritores e escritoras a participar no certame, sinalando que “sempre tratamos de premiar a calidade e a orixinalidade” e afirmou que o xurado “somos xa familia e pasamos tardes moi divertidas, deliberando e pelexando, buscando os relatos gañadores e premiados, así como aqueles que formarán parte do libro Relatos na Rúa”.
Por último, Luisa Sánchez destacou a traxectoria do certame, que xa supera a ducia de edicións – “doce máis unha” –, e que “as e os escritores nos seus relatos nos amosan un Vigo diferente, xa que converten as historias pequenas en historias extraordinarias e espazos que todos e todas coñecemos adquiren outro significado”.
O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá 21 de abril e finalizará o 30 de xuño. A comunicación dos gañadores/as, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa XIII farase pública entre os días 25 de setembro e 6 de outubro de 2026. Como é habitual, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará o libro, no que participará coas súas ilustracións o grupo Diseñatas, da Fundación Igual Arte, que é unha colaboradora fiel do certame. Ademais da aportación de Diseñatas ao libro, a Editorial Elvira entrega un euro por cada libro vendido á Fundación Igual Arte.
O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por autor/a, en galego ou castelán, e cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un (en todos os casos se deducirán automaticamente as retencións que estipula a lei). As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com). Por segundo ano consecutivo, aparece a IA nas bases, para subliñar que “quedarán automáticamente eliminados aqueles textos nos que se utilice a intelixencia artificial”.
Cartel
O autor do cartel desta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico é Óscar Raña, artista galego formado en Belas Artes, que conta cun máster en Libro Ilustrado e Animación cursado en Pontevedra. A súa traxectoria sitúase no ámbito da arte contemporánea, destacando polo seu interese no cómic experimental e na abstracción. O seu traballo caracterízase por un enfoque transdisciplinar, no que combina pintura, ilustración, cómic e produción audiovisual, explorando as conexións entre linguaxes e cuestionando os límites tradicionais das disciplinas artísticas. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha destacada actividade editorial independente e participou en diversas publicacións e exposicións, tanto colectivas como individuais, compaxinando esta labor coa creación en ámbitos como o deseño, a animación e a música.
Un ano máis, hai que destacar a gran labor do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que este ano repite cos mesmos integrantes, que quedaron con ganas de máis. O noso tribunal está formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández Domínguez, ademais do presidente do xurado, que será Xabier Romero.




















