Categorías
Editorial Elvira Historias no Camiño

«Historias no Camiño», un novo certame de relatos con sabor xacobeo

Historias no Camiño é un proxecto que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Un proxecto no que queremos poñer en valor toda a creatividade literaria e artística que agroma da nosa lingua e do noso folclore. Un proxecto que nos ilusiona moito porque somos uns namorados do Camiño de Santiago e queremos que o Xacobeo 2021 supere toda esta virtualidade na que nos vemos obrigados a vivir.

O cartel do certame é obra de Rita Gutierrez.

No recanto máis occidental da Península Ibérica está Galiza. A nosa Galiza. Terra de tradicións Celtas, de Revoltas Irmandiñas, de lendas e meigas, de rías e ríos, de cen maneiras distintas de nomear a choiva… si, a nosa Galiza. Ese lugar onde o pagán e o relixioso case se fusionan en cada cruceiro.

E no corazón dese anaquiño de terra hai unha xoia que é un templo de pedra rodeado de acibecharías e dunha mística moi particular. As torres da Catedral de Santiago coroan unha cidade chea de historia e presiden un horizonte de rúas de granito, carriza, estudantes e peregrinos que chegan desde moitos recunchos do mundo para abrazar o Santo.

Temos tamén as dobraxes da televisión autonómica, os anuncios dun famoso supermercado, a Xeración Nós, a natureza húmida e indómita, as bateas, a morriña, as orquestras de música, os hórreos, as campás de Bastabales… e o Camiño de Santiago como peza angular do intercambio cultural. Todo isto retroalimentándose na nosa psique e construíndo unha identidade moi particular.

Non sabemos o que nos vai deparar este Ano Santo Xacobeo, o que si sabemos é que hai historias moi diversas no Camiño e que merecen ser contadas. Queremos coñecelas, gozalas, compartilas e conseguir que perduren no tempo reuníndoas nun libro moi especial. Historias no Camiño é moito máis ca un certame de relatos; é toda unha declaración de intencións. Historias no Camiño nace da absoluta convicción de que o Camiño de Santiago vertebra Galiza, é CULTURA (así, en maiúsculas) e a cultura hai que defendela.

Na nosa opinión escribir tamén é unha viaxe, por iso animámosvos a participar cos vosos relatos en Historias no Camiño. O tema dos relatos é absolutamente libre, pero é fundamental que na historia haxa un protagonismo real do Camiño de Santiago. Non hai que esquecer que o obxectivo deste proxecto, dentro do programa O teu Xacobeo, é promover o Camiño e a súa esencia, destacando a súa riqueza natural e humana.

Todas aquelas persoas interesadas en participar en Historias no Camiño, poden acceder as bases do certame no seguinte botón: