Categorías
Pliego de cargos

A inmigración irregular e o paradigma económico de España: sufrimento ou crecemento?

É un lugar común a ansiedade por recuperar taxas de crecemento económico que tivo no pasado a nosa economía. Non hai banco cuxo centro de estudos, nin economista, nin partido político que non teña unha receita para recuperar o crecemento económico e o pleno emprego de recursos de capital e traballo. Todo se fía ao crecemento. Ata o punto de que se atribúe o sufrimento, a desigualdade, a probreza á falla de crecemento económico. Secasí, moi poucos economistas tentan cambiar ese paradigma, é dicir, atopar o equilibrio económico con taxas de crecemento sostibles e alcanzables. Noutras palabras: acadar altas taxas de erradicación da pobreza, de xustiza social e de diminución da desigualdade sen fialo todo a un crecemento que non chega e probablemente non volverá.

Ese paradigma no que se atopa a economía é dobremente perverso.

En primeiro lugar, é perverso un sistema que só está equilibrado con taxas de crecemento económico inalcanzables en Europa e España. Temos que facérnolo mirar: Como é posible fiar o emprego da xente nova, a redución do paro de longa duración e o emprego precario, a un sistema que só garante o pleno emprego con taxas de crecemento non sostibles nin alcanzables agás en momentos de burbulla expansiva? Talvez, non deberiamos os economistas poñer a lupa, non tanto no crecemento económico, senón nos desequilibrios estructurais dunha economía que só dá sintomas de saúde en épocas excepcionais?

O crecemento económico tampouco garante a loita contra a desigualdade, senón todo o contrario*. Nas series históricas analizadas polo economista francés Thomas Piketty, compróbase como a taxa de retorno do capital ten sido superior á taxa de crecemento da economía nos últimos 250 anos, de onde resulta unha desigualdade económica crecente.

En segundo lugar, o planeta Terra non crece. E os seus recursos decrecen, pois esgótanse. A Terra pasou por múltiples cambios climáticos; pero a novidade do quecemento global é que está causado pola man do home. A fina pel que habitamos, a biosfera, está dando mostras evidentes de esgotamento: redución da biodiversidade, desaparición de especies animais e vexetais e a multiplicación de fenómenos climáticos extremos: grandes secas e incendios sucédense con inundacións e tifóns destrutivos. Queremos impedir que a Terra se quente máis de dous graos neste século. E aínda así, os polos derreteranse e o mar subirá 70 centímetros o seu nivel, asolagando arquipélagos, grandes esteiros e zonas superhabitadas, con fértil agricultura e sen cotas de elevación.

A pegada do home na Terra mídese por toneladas emitidas á atmosfera de CO2 por habitante. Os países ricos emitimos máis de 5 toneladas por habitante ao ano: EEUU: 11,5 t; Luxemburgo: 15,4 t; Canadá 15,1 t; Rusia 12,0 t; a media dos países OCD: 9,0 t: a media da Unión Europea 6,5 t; Holanda: 10,0 t; Bélxica: 8,6 t; España: 5,2 t; Portugal: 4,7 t.

Agora fixense nos países árabes megarricos: Qatar: 38,9 t; Kuwait: 25,0 t; Bahrein: 22,2 t; Arabia Saudita: 17,4 t.

No outro extremo, os países pobres: Marrocos: 1,7 t; Mauritania 0,7 t; Bangladesh: 0,5 t; Kenya: 0,4 t; Madagascar: 0,2 t; Congo 0,1 t.

Os economistas advertimos esa exacta e estreita correlación entre o nivel de riqueza ou pobreza e as emisións de carbono á atmosfera, tal que acuñamos o termo de ‘pobreza enerxética’ para nos referir a aqueles países que emiten 200 ou 400 quilos de CO2 por habitante e ano: o equivalente de facer un fogo ao día para quecer o pucheiro, 365 días ao ano, se houbo sorte e todo foi ben…

Destes datos dedúcese que se a inmesa maioria do planeta pobre acadase a riqueza do primeiro mundo, a biosfera colapsaría irremediablemente. A poboación mundial ascende a 7.700 millóns de persoas, das que case a metade, 3.400 millóns de persoas, segundo o Banco Mundial, vive en pobreza extrema con menos de 3,2 dólares ao día (83€/mes). Pero, ademais, o crecemento demográfico severo prodúcese no ámbito dos países máis pobres, polo que a situación non fará máis que agravarse nos próximos 30 anos, onde se espera un incremento da poboación pobre mundial de 2.000 millóns de persoas.

En consecuencia, sentado que as emisións de carbono anuais en 2018 acadaron a cifra récord de 33.143 millóns de toneladas, se os 3.400 millóns de pobres severos acadasen a riqueza equivalente á pegada de carbono de 5 t/ano, as emisións de efecto invernadorio incrementaríanse no 51%. A inmensa maioría dos economistas do primeiro mundo silencian esta evidencia: que os pobres están condenados a seguir pobres para que nós poidamos seguir máis ricos ca eles.

Logo o segundo elemento perverso do paradigma do crecemento é que non nos corresponde crecer máis aos países ricos; son os países pobres quen teñen que acadar unhas cotas de benestar, se acaso, remotamente parecidas ás nosas, pero teñen, en suma, máis dereito a crecer.

Por conseguinte, o crecemento non é ilimitado, nin os recursos son ilimitados, nin a poboación mundial pode aumentar de xeito ilimitado. De onde deduzo que os economistas estamos fiando o benestar a unha magnitude minguante e esquiva: o crecemento económico.

Estes días é noticia a arribada de migrantes en «patera» ás Illas Canarias, que se multiplicaron polo 1.000%. Case 3.000 migrantes magrebís e subsaharianos amoréanse no peirao de Arguineguín dende hai máis de dúas semanas, nunhas condicións infrahumanas sen que Europa se inmute. Con razón o Cabido Insular declarou que Europa quere desentenderse do problema convertendo o arquipélago nuncas ‘Illas-Cárcere’.

Pois ben, nisto tamén se equivocan os economistas e os gobernos europeos. Fíxense na nacionalidade dos migrantes no ano 2018. Máis do 75% pertencen a 3 países: Marrocos e os subsaharianos Malí e Guinea. Agora fíxense na pobreza enerxética deses países: Mali emite 200 quilos de CO2 por habitante e ano; Ginea emite 300 quilos por habitante e ano e Marrocos emite 1,7 toneladas por habitante e ano. Entón, quen ten que crecer con urxencia? España, o país de destino, ou os países de onde proceden os caiucos?

Pero o asunto é aínda peor. As autoridades canarias explican a crise migratoria das últimas semanas polo fortísimo crecemento de varóns adultos marroquís. Se en 2018 non chegaban ao 30%, agora superan o 70%. Logo xa non son migrantes subsaharianos, son migrantes magrebís. E por que ese incremento de migrantes procedentes do país, dos tres, de lonxe o máis rico? Porque a economía marroquí, coma a nosa, bascula sobre o turismo e co confinamento esboroouse. Entón, agora non migra un rapaz novo de Malí na procura dun mundo mellor; agora migra un adulto marroquí que traballaba de taxista ou de ordenanza dun hotel e coa pandemia perdeu o traballo e quere conservar o nivel de vida do que ata onte gozou. Por iso, na súa desesperación, atrévese a desafiar a morte na máis perigosa das travesías.

Por conseguinte é necesario descarbonizar a economía e buscar o equilibrio económico sobre a base dunha economía circular, unha economía sostible que non se equilibre só sobre taxas de crecemento imposibles. E tamén é necesario promover o crecemento económico dos países pobres minimizando a pegada de carbono das súas futuras economías.

No século XVII, Felipe III expulsou de España a 300.00 mouriscos. Cen anos antes os Reis Católicos expulsaron os xudeus. Dous pésimos negocios para España. Esas minorías eran artesáns, médicos, avogados ou simples campesiños, pero tambén prestamistas. Eran o xerme dunha cidadanía burguesa cuxa expulsión condicionou o atraso secular do noso país.

Moitos mouriscos embarcaron coas chaves das súas casas, convencidos de que co tempo regresarían. A meirande parte perdeu as chaves e a vida naquelas fráxiles embarcacións. Por iso cantan os nenos: «Dónde están las llaves matarile, rile, rile, n el fondo del mar, matarile, rilerón» . En árabe, as palabras mawt e rihla significan morte e viaxe**.

Esta canción infantil disipa toda a súa inocencia e virxinidade con estoutro significado de dor pola perda cruel das chaves, da vida e da esperanza de quen morreron afogados no camiño do exilio.

Con franqueza, resulta desolador comprobar que os mares que rodean a nosa pel de toro levan catro séculos cobrándose o mesmo tributo de parias e desherdados de vidas e almas humanas. Coma se nada cambiase… co crecemento económico.

* Thomas Piketty, El capital en el siglo XXI. Ed. Fondo de Cultura Económica. © 2014
** Antonio Manuel: Flamenco. Arqueología de lo jondo. Ed. Almuzara. S.L. © 2018

O artigo orixinal foi publicado en castelán no suplemento Estela do Faro de Vigo o 22 de novembro do 2020.

Antón Beiras Cal (Vigo, Pontevedra, 1954).

Fillo do oftalmólogo Antón Beiras e da pedagoga Antía Cal. Economista, asesor fiscal e avogado, estudou Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Funcionario do Corpo Técnico do Ministerio de Facenda e auditor de contas, é delegado en Pontevedra da Asociación Española de Asesores Fiscais e socio do Círculo de Empresarios de Galicia.

En 2013 licenciouse en Dereito pola Universidade Europea de Madrid. O seu traballo de fin de carreira en Filosofía do Dereito é o antecedente académico das «Tribulaciones de un economista de letras».

Categorías
Pliego de cargos

A liberación de París e as «Fake News»

Andan a clase política, o xornalismo serio e a xente sensata, preocupados pola gravidade das Fake News. Cúlpase a Internet e ás redes sociais de relatos tan asombrosos como acusar os gobernos de esaxerar o perigo da COVID‒19, ou os laboratorios farmacéuticos da produción do virus. Ou se ataca o uso da máscara porque resta osíxeno ao organismo. Influencers, cantantes de pop e demais pirados non comprenden que estamos en cernas dun segundo estado de alarma; non se sabe se é por unha vida de abuso coas drogas, se son achaques da vellez ou se son paralíticos cerebrais de nacemento.

Pero as Fake News sempre existiron. Esta semana* cumpriuse o 76 aniversario da liberación de París por «A Nove», a novena compañía da segunda división acoirazada do xeneral Leclerc. Na noite do 24/8/1944 unha columna de blindados composta por 2000 republicanos españois entrou en París. Esa compañía de blindados formaba parte do terceiro exército acoirazado do xeneral Patton, estaba autorizada a levar a bandeira republicana pintada nas súas orugas, e os seus soldados estaban autorizados a levala bordada nos seus uniformes americanos. E os seus blindados, curiosamente, non tiñan número, como os restantes do terceiro exército, tiñan nome propio e os primeiros que entraron esa noite en París, chamábanse así: Guadalaxara; Ebro; Madrid; Guernica; Brunete; Liberación, España cañí; Santander.

Antes xa se bateran en África contra os blindados de Rommel. Desembarcaron o 4 de agosto na praia de Utah. Eses veteranos gañáranse o respecto unánime dos seus compañeiros, pola súa ousadía e valentía próxima á temeridade. O mando aliado temía a impericia dos novos soldados americanos, apresuradamente mobilizados e instruídos. Por iso Patton percorreu as bases americanas en Inglaterra arengando a tropa. Os seus discursos, soeces e repletos de improperios, están colgados en Internet. Os españois eran veteranos curtidos na guerra civil española e coñecían o seu oficio. Viñan de perder unha guerra e outra derrota non entraba nos seus plans. Tampouco eran anxos. Os reporteiros americanos describíanos avezados e veteranos combatentes, valentes pero individualistas e indisciplinados. Contaban a anécdota de ameazar co fusil a un soldado americano que pretendía tirar unha granada ao niño de metralladora alemán. Os soldados alemáns levaban reloxos. E os reloxos quedaban inservibles se se usaban granadas. Logo había que tomar o niño ao asalto… porque un reloxo alemán cambiábase por moitas latas de comida, moitas botellas de viño, e mesmo por algunhas de Armañac.

O 20 de agosto comezou a insurrección en París. De Gaulle sospeitaba que Hitler daría a orde ao exercito nazi en París de dinamitar as pontes e infraestruturas. A «cidade da luz» sería alemá ou devastada. Eisenhower pediulle paciencia. Ike quería embolsar primeiro o groso do exército alemán ao norte de París e esixía o 100 por 100 dos seus efectivos. Logo sería París.

De Gaulle reuniuse con Leclerc e xuntos desobedeceron: había que tomar París con urxencia e conviñeron que esa perigosa misión sería para os veteranos da Nove: Habería Tigres en París? A súa potencia de lume superaba de longo os M4 Sherman, os semiorugas M3 blindados e M8 Greyhound da Nove. A Nove entrou en París por Porte d’ Italie, abriuse en abanico dirixindo as súas columnas ao control da cidade. O Guadalaxara chegou ao Concello de París, cuartel xeral nazi. E o Ebro, que o cubría, fixo lume contra a resistencia alemá. O xefe das forzas de ocupación nazi rendeuse así a unhas decenas de españois. En recoñecemento á súa humanidade, ao trato dispensado aos seus prisioneiros, o xeneral Dietrich von Choltitz regalou o seu reloxo de pulseira ao xefe do destacamento. Un tipo con reflexos o tal von Choltitz…

Meses máis tarde cruzaron o Rin para combater en chan alemán, e finalmente tamén foi A Nove a que toma o «Niño do Aguia» o 5 de maio de 1945 en Berchtesgad, o último refuxio de Hitler. Dos 2000 republicanos españois quedaban entón 16 en condicións de combater. 4 recibiron do xeneral Leclerc a Legion D’honeur pola súa valentía en combate.

Cando De Gaulle se instalou en París, atopouse cunha alta sociedade francesa que compartira festas, bailes e concertos de Django Reinhardt e outros músicos de jazz nos teatros da capital. O Goberno de Vichy esparexera o colaboracionismo por media Francia. E Dimitrov conseguírao coa outra metade. Dimitrov era secretario xeral da Komintern (en ruso, a III Internacional): alí elaborábase a liña política dos partidos comunistas occidentais. Dimitrov, para branquear a canallada do pacto de non agresión ruso‒alemán asinado por Mólotov e Von Ribbentrop, fixou a política de non intervención. Segundo a III internacional, enfrontarse aos nazis era un asunto entre capitalistas, e a II guerra mundial, outra guerra máis entre capitalistas. O secretario xeral do partido comunista francés, Maurice Thorez, recibiu de Dimitrov a orde de desertar do exército francés, e moitos comunistas máis recibiron a orde de desmovilizarse. Maurice Thorez fuxiu a Bélxica nun 11 lixeiro, e de aí, por Estocolmo, chegou a Moscova. Só tras a invasión nazi da Unión Soviética, disolveuse a Komintern e os comunistas europeos recibiron novas ordes dos seus comités centrais para ingresar no Maquís, se é que moitos non o facían xa… tal como Jacques Duclos, o dirixente do PCF que desobedeceu frontalmente a Joseph Stalin.

En toda Europa, case só os republicanos españois foron refractarios á política de non intervención; eles aprenderan nas súas propias carnes que combater o fascismo non era un «asunto entre capitalistas». En honor á verdade tampouco o «Pichí» italiano tragouse ese sapo: o PCI tiña a Antonio Gramsci nos cárceres de Mussolini, e desde o primeiro momento organizou a guerrilla. Outra diferenza non menor entre o PCF e o PCI é que o primeiro o dirixía un burócrata estalinista residente nunha Dacha, Thorez; ao segundo, Gramsci, un xornalista e intelectual de esquerdas encarcerado. Non eran a mesma cousa.

Esa era a escena coa que se atopou De Gaulle: Maurice Thorez, en busca e captura por deserción; a dereita francesa, salvo a ultranacionalista, colaboracionista de Vichy; a alta sociedade urbana tíñase divertido co exercito invasor. Procesar por traizón a media Francia, ou mirar para outro lado?

De Gaulle reuniuse con Duclos, o líder do Maquís. Entón decidiron outro relato: Maurice Thorez aparecería en escena con barbas, recentemente saído do monte, do cuartel xeral do Maquís e xamais pisaría Moscova; o pobo francés tería loitado durante a ocupación nazi. As mulleres máis vulnerables, en cambio, resultaron ser as únicas en pagar o pato: moitos miles de prostitutas serían colaboracionistas por xacer con soldados alemáns por diñeiro: rapóuselles o pelo ao cero para público oprobio. Unha vergoña!

E A Nove? Que pasou coa Nove? A Nove desapareceu do relato oficial. Incomodaba. A historia escribiu que o pobo francés tiña expulsado os nazis; os dirixentes comunistas, auténticos líderes; as putas rapadas e A Nove invisible. París foi liberado por heroicos soldados franceses e nunca máis se falou daqueles guerreiros valentes, que non loitaban pola súa terra nin pola súa bandeira, que soñaban cunha invasión aliada á península que nunca chegaría, e que deron as súas vidas por vencer os nazis e liberar a Francia.

Así que as Fake News non son un produto recente de Internet. Cando lles falen de La Grandeur de La France, contéstenlles: A Grandeur dos republicanos españois.

Moitos anos máis tarde, en 1958, o meu pai conducía o seu Citroën 2CV polos Campos Elíseos; xunto a el, a miña nai e os meus dous irmáns maiores, camino da Expo de Bruxelas para ver o recentemente lanzado Sputnik. Parou o 2CV nun illote para preguntarlle ao xendarme do quepis que coa porra indicaba ao tráfico que seguise:

« Allez, allez!». El, desatendendo os asubíos dos automóbiles que tiña detrás, levantou aquela xanela batente do citroën e preguntou no seu macarrónico francés, aprendido nos Maristas de Santiago: «Mesié mesié, Le Grand Palais, silvouplait» e o garda insistía: «Allez, allez!» coa porra, e el insistía e dicíalle: «Oui, monsieur, pero le Grand Palais!!!», e o garda vermello de ira coa porra berroulle: «Allez, allez, allez!!!!!», e o meu pai dixo:« Nin allez! nin hostias, fillo de puta fascista! Se non fose polos republicanos españois aínda estaban aquí os nazis!».

E arrincou encabronado o 2 CV deixando ao xendarme pasmado.

E asi soubemos moito antes que a nosa xeración que o blindado que liberou París se chamaba «Guadalajara».

———————————————————————————————————————————————————————

(*) O artigo orixinal foi publicado en castelán no Faro de Vigo o 30 de agosto do 2020.

Antón Beiras Cal (Vigo, Pontevedra, 1954).

Fillo do oftalmólogo Antón Beiras e da pedagoga Antía Cal. Economista, asesor fiscal e avogado, estudou Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Funcionario do Corpo Técnico do Ministerio de Facenda e auditor de contas, é delegado en Pontevedra da Asociación Española de Asesores Fiscais e socio do Círculo de Empresarios de Galicia.

En 2013 licenciouse en Dereito pola Universidade Europea de Madrid. O seu traballo de fin de carreira en Filosofía do Dereito é o antecedente académico das «Tribulaciones de un economista de letras».