Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira

Relatos na rúa VII xa está aquí

SÉTIMO CERTAME de relatos Vigo Histórico, convocado por Editorial Elvira, do que nace o libro Relatos na rúa VII. Nesta ocasión con 26 relatos, entre os que atopamos gañador, segundo premio e accésits.

Este ano o máis complicado non foi elixir os premiados e publicados, mesmo cando o debate do xurado ten sido intenso pola calidade dos traballos presentados. O complicado ten sido convocar o certame en pleno confinamento, adaptándonos ás circunstancias e lanzándoo online. En marzo, a incerteza de conseguir que o certame se realizase tendo unha participación aceptable era máxima. Seguimos adiante e recibimos unha cantidade importante de relatos, certo que un poco menos ca outros anos, pero moi respectable. Foi moi difícil tamen facer as reunións co xurado, composto por: Concepción Varela, Patricia Meira, Noelia Otero, Ledicia Costas, Antón Pulido, Julio Alonso, Bieito Ledo, Jacobo Buceta, José Luis Mateo e María Lado, que coma sempre estivo á altura das circunstancias, poñendo toda a vontade para sacar adiante o certame, que xa asumen como algo propio, que culmina co libro Relatos na rúa.

Felicitar os premiados e premiadas deste ano, así como os publicados e publicadas. O xurado elixiu como gañador o relato: El fabuloso tonto triste, de Miguel Cuervo Pérez; como segundo premio: Hopper en el Vitruvia, de Eduardo Fernán-López; e como aacésits: 4 Gatos, de Marcos Dios Almeida; 18 Rúa Elduayen, de Esther Alonso Domínguez; Abismos de Alberto Rodríguez Guerrero e Folga, de Xosé Alfredo Naz Fernández.

A cuberta do libro é obra de Luis Romero, ao que lle pedimos que salientase dous elementos que na miña opinión se identifican claramente con esta cidade: A Panificadora, que seica imos recuperar nun futuro próximo, e un segundo, que quixemos incluír cun sentido claramente reivindicativo, ao consideralo algo moi vigués, moi galego e moi do planeta: Cíes, Patrimonio da Humanidade.

Nesta edición seguimos a colaborar coa Fundación Igual Arte (destinando a esta entidade un euro de cada exemplar vendido de Relatos na rúa VII), primeira escola integral que traballa con necesidades educativas especiais nas distintas disciplinas (Música, Expresión corporal e Expresión artística).

Os debuxos que anteceden a cada un dos relatos premiados son obra de Diseñatas, grupo de Deseño da Fundación Igual Arte, composto por: Helena Cuber, Iván Lago, Alberto Rodríguez, Loira Fernández, Gustavo López e Eva García. A eles pedímoslles tamén que nos axudasen na nosa reivindicación das illas Cíes. E dende logo, non nos defraudaron, pois o seu traballo, cheo de sensibilidade e arte, reflicte á perfección as nosas illas.

Agradecementos para patrocinadores principais: Concello de Vigo e Oftega e tamén a todas aquelas persoas e institucións que adquirindo este libro fan posible a celebración do certame dende hai anos.

Editorial Elvira

* Texto en castelán aquí.