Historias no Camiño é un certame de relatos do que vai saír un libro moi fermoso. E tamén é unha actividade dentro do programa «O teu Xacobeo» organizado pola Xunta de Galicia para promocionar o Camiño de Santiago coma un piar fundamental da cultura galega. Dende a Editorial Elvira queremos aproveitar o contexto deste concurso literario para darvos algúns consellos que poden ser de moita utilidade a quen queiran comezar a peregrinación.
Unha das cuestións máis importantes para unha persoa que querer empezar a súa peregrinación é organizar ben a súa mochila. Non debe exceder os 10/12 quilos de peso, incluíndo mudas de roupa que sexan lixeiras e de limpeza sinxela, o saco de durmir, os produtos de aseo persoal, a documentación pertinente (incluída a credencial de peregrinación) e, moi importante, unha cantimplora para manter a hidratación corporal. Pero, se decides embarcarte na aventura de facer o Camiño de Santiago, tes que ter en conta que hai unha serie de cousas que non estaría de máis ter presentes na túa equipaxe.
Unha funda de almofada. Pode parecer un pouco tolo, pero se vas durmir en albergues. Agradeceralo.
Tapóns para as orellas. Para non ter que preocuparte dos ruídos que te rodean mentres dormes e así poder descansar en condicións. Un anteface para durmir quizais tampouco estea de máis.
Un pequeno lote de primeiros auxilios. Non esquezas meter vaselina para os pés (que deberás usar SEMPRE despois da ducha e antes de durmir) e algún produto antifricción para evitar as rozaduras. Tamén é importante levar protección solar.
Algún obxecto reflector (pulseira, adhesivo na mochila, chaleco…) para utilizar os días nos que haxa pouca visibilidade.
Un chifre. É moi posible que non o teñas que usar, pero pode ser de moita utilidade se tes algún accidente.
Un poncho impermeable ou chuvasqueiro lixeiro. Dá igual a estación do ano na que inicies o Camiño, a choiva pode sorprenderche en calquera momento.
Bolsas de plástico. Serviranche para acumular a roupa usada, para recoller os teus residuos (é moi importante manter limpo o Camiño) e mesmo para forrar a mochila se se pon a chover.
Toallas de microfibra. Non ocupan, non pesan e secan moi rápido. Son perfectas para o Camiño e para unha chea de actividades físicas.
Navalla multiusos (ou derivados). Non ocupa nada e pode sacarte de moitos apuros.
Unha carga extra para o teléfono móbil. Facer o Camiño debería ser o momento ideal para desconectar dos nosos enganches tecnolóxicos, pero o teléfono móbil converteuse nun indispensable para moitas cousas (tomar notas, fotografar momentos, usar a lanterna…) e xa que o levamos, pois mellor telo cargado.