Historias no Camiño é moito máis que un certame de relatos. É unha actividade beneficiaria do programa «O teu Xacobeo» que busca por en valor a riqueza cultural que envolve o Camiño de Santiago. E para nós a gastronomía tamén é cultura.
Chegar a Santiago de Compostela despois de días camiñando é todo un subidón. Cando chegas á praza do Obradoiro e ves a catedral en todo o seu esplendor, libérase toda esa enerxía que estaba concentrada en superar cada unha das etapas.
A cidade compostelá abre moitísimas posibilidades: pasear polas súas rúas, parques e museos é toda unha experiencia. Pero unha cousa está clara: isto faise mellor coa barriga chea. Por iso queremos sinalar algúns dos pratos que non vos podedes perder cando vos paredes a recuperar enerxías polas rúas picheleiras.
Calquera viño da terra. Albariño, mencía, ribeiro, godello… temos moito que presumir de viños.
Polbo. En calquera das súas formas, á feira, con patacas, encebolado… o polbo sempre é unha boa opción para encherse de proteínas. Se ves un establecemento con polbeiras, non o dubides.
Vieiras gratinadas. É un dos pratos máis típicos de Santiago de Compostela e son una auténtica ledicia.
Pementos de Padrón. Xa non pican case nunca, pero seguen a estar moi bos. Un pouco de verde para acompañar calquera prato e facer sopas co pan nos restos do aceite. Unha marabilla!
Empanada galega. Un clásico entre os clásicos. Pódense atopar de case calquera cousa, pero recomendamos a de zorza.
Torta de Santiago. Un dos emblemas da cidade. Améndoas, azucre, ovo e manteiga para cociñar un manxar que non vas a esquecer.
Licor café ou crema de oruxo. O trago perfecto para rematar unha boa comida e brindar cos compañeiros e compañeiras de peregrinación. Din que os máis ricos adoitan ser os caseiros (sobre todo no que a licor café se refire), pero parece que varias empresas de licores se puxeron as pilas e hai algúns moi ricos.