A vida de lonxe

María Biempica

11,00

No ano 1833, noméase a Pontevedra como capital da provincia. Este cambio administrativo significou unha nova andaina para a vila, que un ano despois obtivo o título de cidade. A capitalidade atraeu novas institucións, actividade comercial e nova poboación. A necesidade dunha reforma urbana levou aparellada o derrubamento das antigas murallas, de xeito que se abren novas rúas como Michelena ou Oliva, tamén se planifican novos espazos de lecer como a Alameda.

No ano 1884, chega o ferrocarril, e no 1888, a luz eléctrica. Nos primeiros anos do século XX, a diáspora pontevedresa deixará a súa pegada, os indianos invisten na cidade fornecendo a modernización de Pontevedra coa construción de fermosas edificacións: Villa Pilar ou o coñecido Café Moderno, testemuña de conversas de persoeiros do talle de Castelao, son un bo exemplo.

A posta en marcha do tranvía favorece a comunicación con Marín e o desprazamento ás praias. Porén, a decadencia deste transporte deu paso ao trolebús, o «trole» coma era coñecido agarimosamente na cidade. O seu andar silandeiro e calmo foi quen de deixar unha pegada que, hoxe, simboliza a cidade do Lérez, unha Boa Vila envorcada nas rúas e nos faladoiros ao redor dun café con doces.

A vida de lonxe conta un encontro casual, o cruzamento de miradas serve para iniciar unha conversa. As palabras son coma un feitizo que sacan á luz lembranzas que a protagonista tiña agochadas. A reunión interrómpese de súpeto, é hora de marchar. Aínda hai moito do que falar. Mentres, a vida cotiá transcorre nas rúas, nos bares e nos cafés do Ensanche pontevedrés como un actor secundario que envolve os protagonistas. A seguinte cita non será tan doada.

Alberto Vilaboa Pérez

Autor

Información adicional

Fotografías: Arquivo fotográfico Diario de Pontevedra
Páxinas: 60
Encadernación: Tapa Branda
Língua: Galego
ISBN: 978-84-12633-42-9
Novembro, 2022