A parroquia de Lérez é, sen dúbida, unha das más sobranceiras das que compoñen a cidade de Pontevedra. De carácter rural, resiste á expansión do asfalto. Hoxe en día, aínda conserva montes, leiras, viñas e animais, que lembran ese pasado agrícola. Camiñar polas súas corredoiras evoca os carros cheos de millo, de herba ou uvas do país. Agora, o renxer das rodas do carro foi substituído polo motor do chimpín ou a motoserra.
Os que sobreviven son os valados de cachotería, os cruceiros de fermosa cantaría, os lavadoiros e, mesmo, as fontes e regatos. O río Lérez e o mosteiro do milagreiro San Bieito son os protagonistas indiscutibles que identifican a parroquia e a súa veciñanza.
A trama de A coidadora de outonos transcorre na parroquia de Lérez. Vicente e Catuxa son irmáns, precisan axuda para ter conta da súa nai, a señora Ilda, e, así, poder organizar as súas vidas. A procura desa persoa leva a Vicente a diferentes lugares da parroquia.
Rosa e a señora Ilda comezan unha relación na que a liña entre coidadora e persoa coidada dilúese decontado. A coidadora de outonos reivindica uns coidados baseados nos afectos e na igualdade, tamén o papel silenciado das mulleres como coidadoras de outonos, tan importante nos tempos que estamos a vivir.
Alberto Vilaboa Pérez