O venres 22 de novembro celebrouse o acto de entrega dos premios do XI Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira, coa colaboración da Fundación IgualArte e co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra. A gala celebrouse na sede de Vigo da Deputación e contou co xornalista Jacobo Buceta como mestre de cerimonias.
Como todos os anos foi un acto moi emotivo e divertido, no que as e os escritores son os verdadeiros protagonistas, xunto aos rapaces e rapazas da Fundación IgualArte, encargados de encher de maxia o auditorio coas súas actuacións. Nesta ocasións tivemos a oportunidade de gozar do grupo de danza de IgualArte, que ofreceu dúas pezas do seu espectáculo Emóvere.
Ademais, neste evento, presentouse o undécimo volume do libro Relatos na rúa, no que aparecen, ademais dos relatos premiados, unha ampla selección das obras presentadas a esta edición do Certame e que foi realizada polo xurado. A portada do libro foi realizada por Cynthia Alfonso, quen mostra a súa visión do Castro de Vigo, e as ilustracións do interior realizadas polo grupo Diseñatas de IgualArte tamén irán en torno ao emblemático monte da nosa cidade. Ademais hai que destacar que a portada irá impresa sobre papel floral, con sementes, flores e minerais na súa composición. Hai que recordar que a Editorial Elvira colabora con IgualArte, entregando un euro do prezo de cada libro vendido a esta institución.
Premiados
O relato Marisol e os depredadores, de Marcos López Concepción, é o gañador da undécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, e nel se conta a historia dunha figura moi coñecida en Vigo a inicios de los 80: Marisol Paíno. Un traballo moi ben documentado e escrito de forma maxistral. O segundo premio foi para Un hombre con dos historias, de Miguel Vázquez Vigo, un relato moi humano, triste, que encolle a alma e nos recorda o drama dunha enfermidade “terriblemente de moda” nos anos oitenta e que afectou en especial ao colectivo homosexual. Ademais dos dous primeiros premios, hai catro accésits que foron para Cine Club (Antón Beiras); El último gol de Maradona (Jorge Valín); La muerte del dragón rojo (Juan Carlos Gómez) e Días de lluvia (Sabela Barreiro).
Un ano máis, a tarefa máis complicada foi para o xurado do Certame, que está formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.




