Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira Prosa Uncategorized

O RELATO SOLSTICIO, DE IRIS DARRIBA, GAÑADOR DO XII CERTAME DE RELATOS VIGO HISTÓRICO

O relato Solsticio, de Iris Darriba Quesada, é o gañador da doudécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra. O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares, nun certame no que participaron uns 160 escritores/as de Vigo, Galicia, o resto do Estado español e tamén do estranxeiro. Como nas últimas edicións, houbo unha gran presenza de concursantes de Vigo e iso tamén se ve reflectido nos premios, sendo os dous primeiros da nosa cidade.

Hoxe 8 de outubro celebrouse a rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Na lectura do ditame do Certame participaron a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero, e as escritoras e membros do xurado María Lado e Patricia Meira, así como numerosos participantes no certame, que viviron con emoción o acto.

O responsable da Editorial Elvira Xabier Romero destacou o seu orgullo por estar despois de 12 anos cun proxecto consolidado, que forma parte da Editorial  e que “enriquece o coñecemento que temos desta cidade e que queda plasmado nun libro en cada edición celebrada”.

A vicepresidenta Luisa Sánchez asegurou que “sentimos un gran orgullo por apoiar iniciativas como este certame de Relatos Vigo Histórico, que da voz a tantos creadores e nos invita a mirar con outros ollos o territorio que compartimos. A cultura necesita máis espazo en Vigo. A cultura é máis, moito máis que eventos de masas”. E rematou cun agradecemento á Editorial Elvira : “Grazas Javier por conseguir todos os anos que Vigo sexa protagonista de tantas historias. Que nunca nos falten as historias, ninguén as escriben, nin quen as len”.

A resolución

Os dous relatos premiados son completamente diferentes. O primeiro premio, Solsticio, de Iris Darriba Quesada , é un relato de triste actualidade, duro e que escarva na alma, cunha construción entre a realidade e o onírico e que ten un remate impactante, que non deixará indiferente a ninguén. A autora, veciña do Casco Vello vigués e presente no acto, xa se presentou en varias ocasións ao Certame e na última edición logrou publicar un relato no libro, aínda que ata o de agora non acadara un premio.

O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares, no que o autor recorda un concerto celebrado en Vigo o 1 de agosto de 1976, o primeiro verán tras o falecemento de Franco, e en plena transición cara á democracia. Así, no relato hai política, música, historia e a morte tráxica dunha cantante moi nova, Cecilia, que fixo o seu último concerto na sala Nova Olimpia de Vigo.

Os accésits son para O valor da memoria e os recordos (de Azucena Arias); Palabras rescatadas (Ana María Verde); Ochenta vueltas al mundo (Fátima González) e Asasinato en Relatos na Rúa (Antón Beiras).  O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o  segundo terá 500 euros  e os 4 accésits, 200 euros cada un. En todos os casos, deduciranse automaticamente as retencións que estipula a lei.

Como xa é coñecido por todas e todos, as bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. A finais de novembro celebraremos a gala de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa XII, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados. Outra das tradicións do Certame é a colaboración coa Fundación IgualArte, a cal participa de forma moi activa tanto na gala, con actuacións, como no libro, coas aportacións do seu grupo Diseñatas. Pola súa banda, a editorial fai unha doazón á Fundación dun euro por cada exemplar vendido.

Coma sempre, un agradecemento especial para o xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, ao que lle corresponde a tarefa máis complicada: elixir os gañadores e publicados. Un ano máis o Certame de Relatos Vigo Histórico conta cun grupo marabilloso, formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández, ademais do presidente do xurado, Xabier Romero.

A continuación tedes o listado dos premios e todos os relatos que formarán a duodécima edición do libro Relatos na Rúa.