Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira

O RELATO «ESCUMA DE WOLFRAMIO», DE GERARDO GONZÁLEZ CARRERA, GAÑADOR DO XIII CERTAME DE RELATOS VIGO HISTÓRICO

Hoxe anunciouse a resolución do xurado, nun acto celebrado na sede da Deputación Provincial, patrocinadora do concurso.

Xa coñecemos os nomes das obras premiadas na décimo terceira edición do Certame de Relatos Vigo Histórico. O relato Escuma de Wolframio, de Gerardo González Carrera, é o gañador deste concurso, organizado por Editorial Elvira co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra. O segundo premio foi para Las mujeres del mar, de Evelyn Megias Carrasco, nun certame no que participaron preto de 200 escritores/as de Vigo, Galicia, o resto do Estado español e tamén do estranxeiro.

Hoxe celebrouse, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, un dos actos máis emocionantes do do Certame, xa que as e os participantes están convidados a vivir a lectura da resolución do xurado e moitas veces os autores reciben a comunicación do premio en directo, o que se ve reflectido en momentos de emoción, sorpresa e ledicia. No evento participaron a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero; a poeta e
integrante do xurado María Lado, que actuou como mestra de cerimonias, e as tamén membros do xurado Patricia Meira e Clara do Roxo.

O editor Xabier Romero recordou como naceu o certame, cunha conversa diante do café con Carlos Oroza, e como xa pasaron 13 edicións, máis de dous mil relatos sobre a cidade de Vigo. «E o Certame
seguirá mentres Editorial Elvira estea aquí, porque este concurso representa a perfección o que quere ser Elvira». Rematou Xabier sinalando que «o certame sodes todas e todos vos e imos desfrutar con
el». Tamén houbo un recordo emocionado para o recentemente falecido Antón Pulido, que formou parte do xurado varios anos.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reivindicou o valor do Certame de Relatos Vigo Histórico como ferramenta para que «a cultura nos axude a descubrir a nosa
cidade con outros ollos». Segundo apuntou, este concurso literario permite «mirar a cidade desde a literatura» e descubrir novas historias que nacen «das súas rúas, das súas prazas e da súa xente». E
agradeceu o traballo da Editorial e de todas e todos os escritores que participan, que atopan aquí «un pulo para seguir coa súa carreira ou coa súa afección pola literatura».

A resolución

Os dous relatos premiados non teñen nada que ver, más alá de que a trama se desenvolve en Vigo. O primeiro premio, Escuma de Wolframio, de Gerardo González Carrera, é unha historia de
espionaxe, amor e traizón ambientada no Vigo da Segunda Guerra Mundial, coa ría e o tráfico de wolframio como pano de fondo. O protagonista é Thomas Harris, un axente británico infiltrado como
comerciante de viños que se verá atrapado entre a súa misión, unha perigosa rede de intereses nazis e unha muller que garda moitos segredos.

O segundo premio foi para Las mujeres del mar, de Evelyn Megias Carrasco, unha historia de memoria, loito e supervivencia ambientada no Vigo mariñeiro dos anos setenta, onde o mar forma parte da vida cotiá das familias de Teis e Bouzas. Carmiña, unha nena de oito anos, descobre xunto á súa avoa o medo e a dureza das mulleres que esperan en terra mentres os homes xogan a vida no Gran Sol.

Os accésits son para Vigo, memoria cosida (de Laura Pérez Martínez); Antes de los periódicos (Nerea Gorjón Torres); Subjuntivo seductor (Fátima González Iglesias) e Luz, Olimpia (Marcos López
Concepción). O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un. En todos os casos, deduciranse automaticamente as retencións que estipula a lei.

A única condición marcada nas bases do Certame, más alá da extensión, é que Vigo debe ter un papel protagonista na historia presentada. No acto de hoxe tamén se anunciou a data na que se celebrará
a gala de entrega dos premios que será o vindeiro venres 13 de novembro. Neste acto tamén se presentará o libro Relatos na Rúa XIII, no aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados realizada polo xurado, que un ano máis fixo un traballo impecable.

O xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico está formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández Domínguez, ademais do presidente do xurado, que é Xabier Romero.

A continuación tedes o listado dos premios e todos os relatos que formarán a décimo terceira edición do libro Relatos na Rúa, na que contaremos coa colaboración da Fundación IgualArte, un dos socios
leais deste certame. IgualArte participa de forma moi activa tanto na gala, con actuacións, como no libro, coas aportacións do seu grupo Diseñatas. Pola súa banda, a editorial fai unha doazón á Fundación dun euro por cada exemplar vendido.