A portada xa nos avisa, atopámonos ante algo moi especial: o individuo, intimamente ligado ao contexto, preséntase como unha especie de exercicio de regresión a todas esas referencias que conforman a identidade, construída sobre unha base de sensacións efémeras e de forzas telúricas que baten co propio concepto de identidade.

Á primeira vista podería parecer que Libro dos lugares é un conglomerado de ideas mesturadas con vivencias do autor; memorias sen datas concretas, pero a verdade é que funciona como unha terapia de reconciliación profunda coa aprendizaxe que achega cada lugar, cada recuncho visitado e vivido. Porque os lugares, entendidos case como un plano de conciencia, hai que visitalos pero é fundamental vivilos, mentres nos empapamos dun infinito temporal que conforma as diferentes capas da realidade.
Se observamos Libro dos lugares no seu conxunto e con atención, vemos que se trata de pequenas reflexións en forma de relato que falan da cultura como un ente cargado de maxia transformadora. Un refuxio ao alcande de todas e todos, un amuleto que coida dos nosos anceios e unha forza interior á que debemos dar voz para nos manter vivas e vivos. Por iso convidámosvos a facer voso este libro, a lelo e relelo coa mente aberta e visión crítica, porque no fondo é un exercicio persoal de percepción cultural.

Como Patiño di claramente nun dos seus textos con fermosas palabras:
«[…]A utopía da arte vai abrir novas xanelas cara o descoñecido. Auctor é o que aumenta. O que aporta novos territorios. O que arrabuña na «terra incógnita» dende as exploracións da mente. Percepción aberta cara ao descoñecido […]».
Será que o concepto de cultura, en toda a súa amplitude, é en realidade a nosa propia identidade? Que mellor xeito de descubrilo que mergullándonos nos mundos e inquietudes doutra persona disposta a compartir os seus recordos con nós para axudarnos a construír ese imaxinario mítico e necesario?


Xa podedes atopar esta xoia nas mellores librerías e na nosa tenda online.