É un lugar común a ansiedade por recuperar taxas de crecemento económico que tivo no pasado a nosa economía. Non hai banco cuxo centro de estudos, nin economista, nin partido político que non teña unha receita para recuperar o crecemento económico e o pleno emprego de recursos de capital e traballo. Todo se fía ao crecemento. Ata o punto de que se atribúe o sufrimento, a desigualdade, a probreza á falla de crecemento económico. Secasí, moi poucos economistas tentan cambiar ese paradigma, é dicir, atopar o equilibrio económico con taxas de crecemento sostibles e alcanzables. Noutras palabras: acadar altas taxas de erradicación da pobreza, de xustiza social e de diminución da desigualdade sen fialo todo a un crecemento que non chega e probablemente non volverá.
Ese paradigma no que se atopa a economía é dobremente perverso.
En primeiro lugar, é perverso un sistema que só está equilibrado con taxas de crecemento económico inalcanzables en Europa e España. Temos que facérnolo mirar: Como é posible fiar o emprego da xente nova, a redución do paro de longa duración e o emprego precario, a un sistema que só garante o pleno emprego con taxas de crecemento non sostibles nin alcanzables agás en momentos de burbulla expansiva? Talvez, non deberiamos os economistas poñer a lupa, non tanto no crecemento económico, senón nos desequilibrios estructurais dunha economía que só dá sintomas de saúde en épocas excepcionais?
O crecemento económico tampouco garante a loita contra a desigualdade, senón todo o contrario*. Nas series históricas analizadas polo economista francés Thomas Piketty, compróbase como a taxa de retorno do capital ten sido superior á taxa de crecemento da economía nos últimos 250 anos, de onde resulta unha desigualdade económica crecente.
En segundo lugar, o planeta Terra non crece. E os seus recursos decrecen, pois esgótanse. A Terra pasou por múltiples cambios climáticos; pero a novidade do quecemento global é que está causado pola man do home. A fina pel que habitamos, a biosfera, está dando mostras evidentes de esgotamento: redución da biodiversidade, desaparición de especies animais e vexetais e a multiplicación de fenómenos climáticos extremos: grandes secas e incendios sucédense con inundacións e tifóns destrutivos. Queremos impedir que a Terra se quente máis de dous graos neste século. E aínda así, os polos derreteranse e o mar subirá 70 centímetros o seu nivel, asolagando arquipélagos, grandes esteiros e zonas superhabitadas, con fértil agricultura e sen cotas de elevación.
A pegada do home na Terra mídese por toneladas emitidas á atmosfera de CO2 por habitante. Os países ricos emitimos máis de 5 toneladas por habitante ao ano: EEUU: 11,5 t; Luxemburgo: 15,4 t; Canadá 15,1 t; Rusia 12,0 t; a media dos países OCD: 9,0 t: a media da Unión Europea 6,5 t; Holanda: 10,0 t; Bélxica: 8,6 t; España: 5,2 t; Portugal: 4,7 t.

Agora fixense nos países árabes megarricos: Qatar: 38,9 t; Kuwait: 25,0 t; Bahrein: 22,2 t; Arabia Saudita: 17,4 t.
No outro extremo, os países pobres: Marrocos: 1,7 t; Mauritania 0,7 t; Bangladesh: 0,5 t; Kenya: 0,4 t; Madagascar: 0,2 t; Congo 0,1 t.
Os economistas advertimos esa exacta e estreita correlación entre o nivel de riqueza ou pobreza e as emisións de carbono á atmosfera, tal que acuñamos o termo de ‘pobreza enerxética’ para nos referir a aqueles países que emiten 200 ou 400 quilos de CO2 por habitante e ano: o equivalente de facer un fogo ao día para quecer o pucheiro, 365 días ao ano, se houbo sorte e todo foi ben…
Destes datos dedúcese que se a inmesa maioria do planeta pobre acadase a riqueza do primeiro mundo, a biosfera colapsaría irremediablemente. A poboación mundial ascende a 7.700 millóns de persoas, das que case a metade, 3.400 millóns de persoas, segundo o Banco Mundial, vive en pobreza extrema con menos de 3,2 dólares ao día (83€/mes). Pero, ademais, o crecemento demográfico severo prodúcese no ámbito dos países máis pobres, polo que a situación non fará máis que agravarse nos próximos 30 anos, onde se espera un incremento da poboación pobre mundial de 2.000 millóns de persoas.

En consecuencia, sentado que as emisións de carbono anuais en 2018 acadaron a cifra récord de 33.143 millóns de toneladas, se os 3.400 millóns de pobres severos acadasen a riqueza equivalente á pegada de carbono de 5 t/ano, as emisións de efecto invernadorio incrementaríanse no 51%. A inmensa maioría dos economistas do primeiro mundo silencian esta evidencia: que os pobres están condenados a seguir pobres para que nós poidamos seguir máis ricos ca eles.
Logo o segundo elemento perverso do paradigma do crecemento é que non nos corresponde crecer máis aos países ricos; son os países pobres quen teñen que acadar unhas cotas de benestar, se acaso, remotamente parecidas ás nosas, pero teñen, en suma, máis dereito a crecer.
Por conseguinte, o crecemento non é ilimitado, nin os recursos son ilimitados, nin a poboación mundial pode aumentar de xeito ilimitado. De onde deduzo que os economistas estamos fiando o benestar a unha magnitude minguante e esquiva: o crecemento económico.
Estes días é noticia a arribada de migrantes en «patera» ás Illas Canarias, que se multiplicaron polo 1.000%. Case 3.000 migrantes magrebís e subsaharianos amoréanse no peirao de Arguineguín dende hai máis de dúas semanas, nunhas condicións infrahumanas sen que Europa se inmute. Con razón o Cabido Insular declarou que Europa quere desentenderse do problema convertendo o arquipélago nuncas ‘Illas-Cárcere’.

Pois ben, nisto tamén se equivocan os economistas e os gobernos europeos. Fíxense na nacionalidade dos migrantes no ano 2018. Máis do 75% pertencen a 3 países: Marrocos e os subsaharianos Malí e Guinea. Agora fíxense na pobreza enerxética deses países: Mali emite 200 quilos de CO2 por habitante e ano; Ginea emite 300 quilos por habitante e ano e Marrocos emite 1,7 toneladas por habitante e ano. Entón, quen ten que crecer con urxencia? España, o país de destino, ou os países de onde proceden os caiucos?
Pero o asunto é aínda peor. As autoridades canarias explican a crise migratoria das últimas semanas polo fortísimo crecemento de varóns adultos marroquís. Se en 2018 non chegaban ao 30%, agora superan o 70%. Logo xa non son migrantes subsaharianos, son migrantes magrebís. E por que ese incremento de migrantes procedentes do país, dos tres, de lonxe o máis rico? Porque a economía marroquí, coma a nosa, bascula sobre o turismo e co confinamento esboroouse. Entón, agora non migra un rapaz novo de Malí na procura dun mundo mellor; agora migra un adulto marroquí que traballaba de taxista ou de ordenanza dun hotel e coa pandemia perdeu o traballo e quere conservar o nivel de vida do que ata onte gozou. Por iso, na súa desesperación, atrévese a desafiar a morte na máis perigosa das travesías.
Por conseguinte é necesario descarbonizar a economía e buscar o equilibrio económico sobre a base dunha economía circular, unha economía sostible que non se equilibre só sobre taxas de crecemento imposibles. E tamén é necesario promover o crecemento económico dos países pobres minimizando a pegada de carbono das súas futuras economías.
No século XVII, Felipe III expulsou de España a 300.00 mouriscos. Cen anos antes os Reis Católicos expulsaron os xudeus. Dous pésimos negocios para España. Esas minorías eran artesáns, médicos, avogados ou simples campesiños, pero tambén prestamistas. Eran o xerme dunha cidadanía burguesa cuxa expulsión condicionou o atraso secular do noso país.
Moitos mouriscos embarcaron coas chaves das súas casas, convencidos de que co tempo regresarían. A meirande parte perdeu as chaves e a vida naquelas fráxiles embarcacións. Por iso cantan os nenos: «Dónde están las llaves matarile, rile, rile, n el fondo del mar, matarile, rilerón» . En árabe, as palabras mawt e rihla significan morte e viaxe**.
Esta canción infantil disipa toda a súa inocencia e virxinidade con estoutro significado de dor pola perda cruel das chaves, da vida e da esperanza de quen morreron afogados no camiño do exilio.
Con franqueza, resulta desolador comprobar que os mares que rodean a nosa pel de toro levan catro séculos cobrándose o mesmo tributo de parias e desherdados de vidas e almas humanas. Coma se nada cambiase… co crecemento económico.
* Thomas Piketty, El capital en el siglo XXI. Ed. Fondo de Cultura Económica. © 2014
** Antonio Manuel: Flamenco. Arqueología de lo jondo. Ed. Almuzara. S.L. © 2018
O artigo orixinal foi publicado en castelán no suplemento Estela do Faro de Vigo o 22 de novembro do 2020.

Antón Beiras Cal (Vigo, Pontevedra, 1954).
Fillo do oftalmólogo Antón Beiras e da pedagoga Antía Cal. Economista, asesor fiscal e avogado, estudou Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Funcionario do Corpo Técnico do Ministerio de Facenda e auditor de contas, é delegado en Pontevedra da Asociación Española de Asesores Fiscais e socio do Círculo de Empresarios de Galicia.
En 2013 licenciouse en Dereito pola Universidade Europea de Madrid. O seu traballo de fin de carreira en Filosofía do Dereito é o antecedente académico das «Tribulaciones de un economista de letras».