Categorías
Cómic Editorial Elvira Fosfatina Ediciones

Esquizoide, a maxia atemporal da singularidade

1978, a sociedade cambia a un ritmo vertixinoso e a contracultura móvese buscando novos escenarios nos que denunciar as violencias estruturais coas que conviven. Antón Patiño tiña 21 anos e experimentaba con viñetas, trazos e secuencias, construíndo un berro de liberdade entón que precisamos recuperar nos nosos días. 

Máis ou menos superado un tardofranquismo escuro e represivo, preséntase un espazo novo con todos os matices por definir. Neste contexto, moitos novos artistas convértense nun faro para a transformación; unha luz brillante que sinala as reivindicacións dun pobo ávido de movemento. 

Esa mocidade non sempre supón unha falta de madureza, máis ben todo o contrario: a provocación e a ruptura das convencións estéticas e discursivas son o signo de identidade dunha vangarda en plena efervescencia. Unha mocidade cun obxectivo claro, instrumentalizar a arte e a cultura como ferramentas para o compromiso e a denuncia social. 

O cómic experimental sempre ten o valor do disidente, pero nesta situación tan particular e sen ter apenas referentes, é unha rara avis que resplandece fóra da normatividade imposta. Insto é o que é Esquizoide de Antón Patiño: unha sorte de singularidade. 

Marxes desfiguradas que escapan das súas propias contornas. Densidades visuais que interpelan á nosa conciencia nun sistema que obvia todo aquilo que o incomoda. Toda unha atmosfera de asfixiante realidade que demostra que «o que non se nomea no existe». 

Á fin e ao cabo é una posición política total que pode dar lugar a diversas interpretacións. Por unha banda está o evidente: mostrar realidades excluídas, neste caso a dos enfermos mentais. Pero doutra banda a súa análise esíxenos reformularnos un sistema absolutamente contraditorio, esquizoide de base, que nos somete a unha alienación de extrema complexidade na que funcionamos como xuíz e parte de represións veladas. 

Polo seu valor artístico e teórico, Esquizoide é unha das referencias fundamentais da banda deseñada galega. E, grazas ao traballo conxunto entre Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones, a reedición desde cómic experimental verá a luz nun momento no que é case imperativo recuperar todo ese espírito crítio para reconstruír os nosos degoxos.