Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira

CONVOCATORIA: XII Certame de Relatos Vigo Histórico

Fiel como cada ano, o  Certame de Relatos Vigo Histórico fai a súa presentación no mes de abril. Este concurso, que naceu co obxectivo fundamental de dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e incluso do estranxeiro, volve abrir as súas portas e novamente coloca a Vigo coma o epicentro da creatividade, a narrativa e as mellores historias de amor, terror, misterio, humor ou ciencia ficción.

O prazo para a recepción dos traballos comezará 8 de abril e finalizará o 30 de xuño. A comunicación dos gañadores/as, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa XII farase pública entre os días 26 de setembro e 3 de outubro de 2025. Como é habitual, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará  o libro Relatos na Rúa XII, no que participará coas súas ilustracións o grupo Diseñatas, da Fundación Igual Arte, que é unha colaboradora fiel do certame. Ademais da aportación de Diseñatas ao libro, a Editorial Elvira entrega un euro por cada libro vendido á Fundación Igual Arte.

O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por autor/a, en galego ou castelán, e cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un (en todos os casos se deducirán automaticamente as retencións que estipula a lei). As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com). A principal novidade deste ano da bases, é a prohibición da utilización da Intelixencia Artificial na creación dos relatos.

Cartel

O autor do cartel da duodécima edición é David Amoedo Losada, Davida, un debuxante nado en Vigo no ano 1984, que vive a medio camiño entre Vigo e Badaxoz. Humorista gráfico nas revistas Xogo Descuberto, Retranca e A Movida e nos portais web novaxove.com, odivinoferrete.es, pentavox.net e moiceleste.com. Como artista urbano participou nos certames O Marisquiño XV, XXII, Badaxoz Pinta e Vigo Cidade de Cor.

O Certame de Relatos Vigo Histórico conta cun fantástico xurado, no que teremos varias novidades: Incorpóranse ao equipo Alba Piñeiro, profesora e tradutora e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández Domínguez. Desta forma, o noso «tribunal» queda conformado por a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; aos que se unen Alba Piñeiro e María Jesús Fernández, ademais do presidente do xurado, que será Xabier Romero un ano máis.