Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira

CONVOCATORIA: XI Certame de Relatos Vigo Histórico

Un ano máis por estas datas chegou o momento de dar o pistoletazo de saída ao XI Certame de Relatos Vigo Histórico, un concurso que naceu hai xa once anos co obxectivo fundamental de dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e incluso do estranxeiro, así como permitir que a cidade de Vigo se converta nun estudio de televisión para centos de historias.

Así, hoxe celebrouse a rolda de prensa para anunciar a convocatoria desta nova edición do certame. Na mesma estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Javier Romero,  e a integrante do xurado, Patricia Meira.

O editor Javier Romero recordou que o certame xurdiu hai once anos da man de Carlos Oroza e a súa obsesión sobre que a cultura nace na rúa, de xente anónima. E así, once ano despois, hai preto de 2.000 relatos presentados que “nos dan unha dimensión diferente das entrañas de Vigo”. Romero agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra porque “sen el sería imposible realizar este tipo de propostas como a nosa, que a pesar de ser modesta, chega a miles de persoas”.

Pola súa banda, Patricia Meira destacou a incorporación no xurado de Santiago Lopo, e asegurou que o traballo de todos os integrantes do mesmo é “arduo, de moitas horas e apaixonante, xa que é un descubrimento constante de Vigo. Hai un Vigo alternativo que é o Vigo dos relatos”.

E por último a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, asegurou que este certame “pon en valor a creatividade de Vigo” e está segura de que “haberá moitos anos por vir do Certame de Relatos Vigo Histórico”. A representante da Deputación manifestou o seu apoio a esta iniciativa que é “un apoio aos autores, ás letras e á cultura”.

 O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá 11 de abril e finalizará o 30 de xuño. A comunicación dos gañadores/as, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa XI farase pública entre os días 26 de setembro e 4 de outubro de 2024. Como é habitual, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará  o libro Relatos na Rúa XI, no que participará coas súas ilustracións o grupo Diseñatas, da Fundación Igual Arte, que é unha colaboradora fiel do certame. Ademais da aportación de Diseñatas ao libro, a Editorial Elvira entrega un euro por cada libro vendido á Fundación Igual Arte.

O autor do cartel desta undécima edición é Chica Atomika, unha ilustradora viguesa de 29 anos que reside en Madrid dende o ano 2012. Para esta ilustración, a artista inspirouse na estatua viguesa de “A fada e o Dragón” situada no paseo de Alfonso, moi preto da Panificadora,  que quere homenaxear aos poetas e trobadores medievais de Galicia.

O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por autor/a, en galego ou castelán, e cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un (en todos os casos se deducirán automaticamente as retencións que estipula a lei). As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).

Un ano máis o Certame de Relatos Vigo Histórico conta cun fantástico xurado, ao que se incorpora o escritor Santiago Lopo. Desta forma, o noso «tribunal» queda conformado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.