Categorías
Editorial Elvira Poesía

Chega CAOSMOS, o novo libro de Alberto Avendaño e Antón Patiño

O escritor e xornalista, Alberto Avendaño, establece un diálogo poético, vital e gráfico co pintor Antón Patiño nun libro-obxecto para pensar.

«Ritmo, entre–dous, curto–circuíto entre escribir e pintar, palabra–imaxe, isto é Caosmos… Ou, como diría nun murmurio John Cage: Water writes always in plural».

Alberto Ruiz de Samaniego

VIGO – Nun mundo fragmentado e pandémico, coa guerra en Europa e a debacle en Afganistán, escribir quere ser un acto que empodera imaxes e pintar aspira a narrar o silencio ou o baleiro da inacción.

Así nace este libro. CAOSMOS é unha poderosa fórmula que combina o imaxinario de Avendaño co grafismo de Patiño para, din eles, habitar o caos (vivilo ou sobrevivilo) coma ferramenta que permita entender aquilo que sempre quixeron saber os Siniestro Total (os seus colegas de xeración): Quen somos? De onde vimos? Cara a onde imos?

Un libro-obxecto onde a intervención gráfica divide dous discursos (en galego e en castelán) para crear un diálogo de pensamento cunha arriscada aposta personal. En CAOSMOS están presentes os grandes debates do momento (o poder devastador, a angustia vital, a filosofía do ser, os excesos mediáticos, o amor e o humor de sobrevivencia) mesturados cun percorrido biográfico do poeta: a emigración a Estados Unidos, a vida cos poetas de Rompente, a identidade e a súa vida xornalística no The Washington Post.

Un libro que se insire, desde Galicia, na plataforma multicultural dun occidente en crisis, en transformación, en caos con saudades de cosmos.

Segundo Avendaño: «A poesía hai que escoitala antes que escribila. O que hai que preguntarlle a un poeta é se sabe falar só, se exercita esa intimidade intimidatoria de falar para si, de falar só». E mentres o poeta fala, Patiño pinta.