Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira Poesía Prosa Uncategorized

PONSE EN MARCHA A DÉCIMO TERCEIRA EDICIÓN DO CERTAME DE RELATOS VIGO HISTÓRICO DA EDITORIAL ELVIRA

Como cada abril desde hai máis dunha década, o Certame de Relatos Vigo Histórico celebra a súa presentación. Este concurso, que naceu co obxectivo fundamental de dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e incluso do estranxeiro, sigue fiel á cita cos seguidores e seguidoras e volve abrir as súas portas e, novamente, Vigo será o  escenario das mellores historias de amor, terror, misterio, humor ou ciencia ficción.

Así, hoxe celebrouse a rolda de prensa para anunciar a convocatoria da décimo terceira edición do certame, unha proposta que naceu no ano 2014. Na mesma estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero,  e a integrante do xurado, Clara do Roxo.

Romero asegurou que o certame de Relatos Vigo Histórico é un proxecto irrenunciable da editorial, “porque nos identifica con Vigo e con Galicia e forma parte do tecido cultural da cidade”. O editor agradeceu o apoio da Deputación nestes últimos anos, o traballo do xurado e destacou a colaboración con IgualArte.

Clara do Roxo animou a escritores e escritoras a participar no certame, sinalando que “sempre tratamos de premiar a calidade e a orixinalidade” e afirmou que o xurado “somos xa familia e pasamos tardes moi divertidas, deliberando e pelexando, buscando os relatos gañadores e premiados, así como aqueles que formarán parte do libro Relatos na Rúa”.

Por último, Luisa Sánchez destacou a traxectoria do certame, que xa supera a ducia de edicións – “doce máis unha” –, e que “as e os escritores nos seus relatos nos amosan un Vigo diferente, xa que converten as historias pequenas en historias extraordinarias e espazos que todos e todas coñecemos adquiren outro significado”.

O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá 21 de abril e finalizará o 30 de xuño. A comunicación dos gañadores/as, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa XIII farase pública entre os días 25 de setembro e 6 de outubro de 2026. Como é habitual, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará  o libro, no que participará coas súas ilustracións o grupo Diseñatas, da Fundación Igual Arte, que é unha colaboradora fiel do certame. Ademais da aportación de Diseñatas ao libro, a Editorial Elvira entrega un euro por cada libro vendido á Fundación Igual Arte.

O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por autor/a, en galego ou castelán, e cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un (en todos os casos se deducirán automaticamente as retencións que estipula a lei). As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com). Por segundo ano consecutivo, aparece a IA nas bases, para subliñar que “quedarán automáticamente eliminados aqueles textos nos que se utilice a intelixencia artificial”.

Cartel

O autor do cartel desta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico é Óscar Raña, artista galego formado en Belas Artes, que conta cun máster en Libro Ilustrado e Animación cursado en Pontevedra. A súa traxectoria sitúase no ámbito da arte contemporánea, destacando polo seu interese no cómic experimental e na abstracción. O seu traballo caracterízase por un enfoque transdisciplinar, no que combina pintura, ilustración, cómic e produción audiovisual, explorando as conexións entre linguaxes e cuestionando os límites tradicionais das disciplinas artísticas. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha destacada actividade editorial independente e participou en diversas publicacións e exposicións, tanto colectivas como individuais, compaxinando esta labor coa creación en ámbitos como o deseño, a animación e a música.

Un ano máis, hai que destacar a gran labor do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que este ano repite cos mesmos integrantes, que quedaron con ganas de máis. O noso tribunal está formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández Domínguez, ademais do presidente do xurado, que será Xabier Romero.

Categorías
Certamen Vigo Histórico Editorial Elvira Prosa Uncategorized

O RELATO SOLSTICIO, DE IRIS DARRIBA, GAÑADOR DO XII CERTAME DE RELATOS VIGO HISTÓRICO

O relato Solsticio, de Iris Darriba Quesada, é o gañador da doudécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra. O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares, nun certame no que participaron uns 160 escritores/as de Vigo, Galicia, o resto do Estado español e tamén do estranxeiro. Como nas últimas edicións, houbo unha gran presenza de concursantes de Vigo e iso tamén se ve reflectido nos premios, sendo os dous primeiros da nosa cidade.

Hoxe 8 de outubro celebrouse a rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Na lectura do ditame do Certame participaron a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero, e as escritoras e membros do xurado María Lado e Patricia Meira, así como numerosos participantes no certame, que viviron con emoción o acto.

O responsable da Editorial Elvira Xabier Romero destacou o seu orgullo por estar despois de 12 anos cun proxecto consolidado, que forma parte da Editorial  e que “enriquece o coñecemento que temos desta cidade e que queda plasmado nun libro en cada edición celebrada”.

A vicepresidenta Luisa Sánchez asegurou que “sentimos un gran orgullo por apoiar iniciativas como este certame de Relatos Vigo Histórico, que da voz a tantos creadores e nos invita a mirar con outros ollos o territorio que compartimos. A cultura necesita máis espazo en Vigo. A cultura é máis, moito máis que eventos de masas”. E rematou cun agradecemento á Editorial Elvira : “Grazas Javier por conseguir todos os anos que Vigo sexa protagonista de tantas historias. Que nunca nos falten as historias, ninguén as escriben, nin quen as len”.

A resolución

Os dous relatos premiados son completamente diferentes. O primeiro premio, Solsticio, de Iris Darriba Quesada , é un relato de triste actualidade, duro e que escarva na alma, cunha construción entre a realidade e o onírico e que ten un remate impactante, que non deixará indiferente a ninguén. A autora, veciña do Casco Vello vigués e presente no acto, xa se presentou en varias ocasións ao Certame e na última edición logrou publicar un relato no libro, aínda que ata o de agora non acadara un premio.

O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares, no que o autor recorda un concerto celebrado en Vigo o 1 de agosto de 1976, o primeiro verán tras o falecemento de Franco, e en plena transición cara á democracia. Así, no relato hai política, música, historia e a morte tráxica dunha cantante moi nova, Cecilia, que fixo o seu último concerto na sala Nova Olimpia de Vigo.

Os accésits son para O valor da memoria e os recordos (de Azucena Arias); Palabras rescatadas (Ana María Verde); Ochenta vueltas al mundo (Fátima González) e Asasinato en Relatos na Rúa (Antón Beiras).  O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o  segundo terá 500 euros  e os 4 accésits, 200 euros cada un. En todos os casos, deduciranse automaticamente as retencións que estipula a lei.

Como xa é coñecido por todas e todos, as bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. A finais de novembro celebraremos a gala de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa XII, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados. Outra das tradicións do Certame é a colaboración coa Fundación IgualArte, a cal participa de forma moi activa tanto na gala, con actuacións, como no libro, coas aportacións do seu grupo Diseñatas. Pola súa banda, a editorial fai unha doazón á Fundación dun euro por cada exemplar vendido.

Coma sempre, un agradecemento especial para o xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, ao que lle corresponde a tarefa máis complicada: elixir os gañadores e publicados. Un ano máis o Certame de Relatos Vigo Histórico conta cun grupo marabilloso, formado pola escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado; a xornalista Noelia Otero Lago; a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a diplomada en Relacións Laborais e gran lectora María Jesús Fernández, ademais do presidente do xurado, Xabier Romero.

A continuación tedes o listado dos premios e todos os relatos que formarán a duodécima edición do libro Relatos na Rúa.

Categorías
Uncategorized

GPSR