Este é un proxecto que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
Historias no Camiño é moito máis que un certame de relatos.
É un compromiso total coa nosa riqueza cultural.
E esta é a historia do peregrino que acompañounos na nosa conta de Instagram
durante o periodo de recepción de relatos.
Etapa 2: San Juan de Villapañada – Salas (20,2 km)
Levamos dous días camiñando. Normalmente o paseo diario limítase a dous quilómetros de ida e dous de volta, sempre os mesmos recunchos e as mesmas persoas. Algúns sábados pola mañá imos a un parque forestal e corremos, pero pouco máis.
Non sei que lle pasa á humana. Leva unha mochila moi grande, os zapatos que cheiran a humidade de estar agochados no fondo do armario e un pau longo que me dá medo. Creo que está triste, por momentos ten a cara chea de auga salgada.
Etapa 3: Salas – Tineo (20,2 km)
Camiñar polo campo é moi divertido, sobre todo cando hai vacas. Encántame asustalas. Corro detrás delas e belíscolles as patas ata que empezan a correr en círculos e póñense bravas.
A humana preocúpame. Fatígase moito. Non comeu máis nada que unhas améndoas rancias e di cousas raras. Non a entendo. Estivo bastante tempo metida nun sitio que cheiraba a vela.
Etapa 4: Tineo – Pola de Allande (28,2 km)
Hoxe cruzamos varios ríos e bañeime. A auga estaba moi fría, pero despois de tanto subir e baixar deume moito gusto mollarme un pouco.
O aparello de demo soou por primeira vez dende que marchamos da casa. Xusto cando estabamos a entrar nunha aldea bastante silenciosa. Mentres a humana estaba a falar soa, co aparello do demo apoiado nunha orella, eu aproveitei para investigar un pouco. Atopeime media barra de pan duro na xanela dunha casa; que rico estaba!
Etapa 5: Pola de Allande – La Mesa (22,8 km)
A humana espertou sobresaltada e puxémonos a camiñar cando aínda estaba escuro. Mentres camiñe non hai problema, parece que a move unha forza externa e estraña. Case nin me fala. As noites son máis movidas, pásaas moi inqueda ―as veces berra!― e non me deixa durmir ben.
Creo que estamos a seguir unhas pedras con frechas amarelas. Mexei nalgunha delas
Etapa 6: La Mesa – Grandas de Salime (16,8 km)
Orballa. É moi canso camiñar baixo a choiva, pero polo menos imos costa abaixo. Levo posto o anaco de tea ese para mollarme menos, ódioo. Gustaríame estar na casa coa miña irmá gato, marchamos deixándolle o comedeiro a rebentar de boliñas pequenas. Están moi ricas, saben como a peixe.
Miro de esguello á humana, está empapada. Os dous estamos enchoupados. Boto de menos a miña manta. Hai auga por todas partes e de súpeto ese cheiro
Etapa 7: Grandas de Salime – A Fonsagrada (28,1 km)
Creo que teño pulgas, é posible que as pillase no cortello no que malamente durmimos a outra noite.
O cheiro acompáñanos. Cheira como a raíces podrecidas.
Non quero separarme da humana con esta néboa. Véxoa moi débil e cada vez máis ausente. Parece unha autómata camiñando. Ás veces senta baixo unha árbore e dorme uns minutos cos ollos abertos.
Etapa 8: A Fonsagrada – O Cádavo Baleira (23,4 km)
De cando en vez cruzámonos con outros humanos; adoitan ser momentos moi agradables. Pero hoxe non.
Ao pasar por un sitio cheo de pedras ordenadas de maneira estraña, o cheiro fíxose intenso e apareceu unha figura escura detrás de nós. Era case un borrón. Encrespóuseme todo o pelo e rosmei; a humana seguiu camiñando coma se nada. Cando a figura empezou a moverse lentamente cara a nós, volvinme tolo e acabei estampado contra unha árbore porque resulta que esta figura escura se pode atravesar.
Non entendo nada. Agora somos tres camiñando.
Etapa 9: O Cádavo Baleira – Lugo (30,5 km)
Esta noite non durmín nada, non me afago á figura escura. Non parece que queira facernos nada, pero a súa presenza incomódame. A humana está tan ausente que esqueceu a miña comida. Tento chamar a súa atención, pero non me fai moito caso.
Fixeime en que non interactúa coa figura escura. Será consciente de que nos acompaña? Cada vez témola máis preto e ocupa máis espazo.
De súpeto coches, xente, luces, ruído e unha muralla moi bonita… teño fame e a figura escura desvaneceuse.
Etapa 10: Lugo – San Romao da Rotorta (19,7 km)
Non me gusta camiñar polo piche, oxalá estar no campo ou nas montañas outra vez. Pero as pedras amarelas mandan. Estou ata o fuciño das malditas pedras amarelas e da figura escura que volve a estar detrás nosa, camiñando nun silencio sobrecolledor. En realidade non camiña, desprázase como a flotar e parece que non se cansa nunca. Se a humana para a durmir cos ollos abertos, párase e espera paciente.
Non fala porque non ten boca. Só mira intensamente, coma se te estivese a mirar por dentro. Ás veces penso que é capaz de saber o que estou a sentir e entón empezan os arrepíos.
Etapa 11: San Romao da Rotorta – Melide (27,7 km)
Quero chegar xa onde queira que estemos a ir. Cada vez vemos máis humanos, aínda que parece que a ninguén lle molesta a presenza da figura escura. Creo que só a vexo eu. Seica está a medrar e dame moito medo, pero se lle rosmo, a humana enfádase conmigo e ameázame co pau longo. Non o solta, ata dorme abrazada a el.
Quedei un intre só coa escuridade na porta dun deses sitios silenciosos e con luces tintineantes que tanto lle gustan á humana. Cambiou de forma, fíxose livián e meteuseme na alma a través do fuciño uns minutos. Pode que estea toleando, pero ese fedor é moi real e agora o levo conmigo.
Etapa 12: Melide – O Pedrouzo (33,3 km)
Hoxe empezamos a camiñar tarde, pasamos moi mala noite. A humana non parou de vomitar un líquido negro e viscoso ata ben entrada a madrugada. Estou convencido de que é cousa da figura escura; seguro que tamén estivo dentro do seu corpo tal e como fixo comigo. Xa non somos os mesmos e eu xa non teño medo.
Algo me di que estamos a piques de chegar ao noso destino e a humana está moi fraca. Demacrada e pálida, case transparente. Eu tambén estou fraco, pero teño tan pouca fame que nin puiden gozar do anaco de queixo que atopei debaixo dunha mesa a metade de camiño. Co que me gusta o queixo…
Etapa 13: O Pedrouzo – Santiago de Compostela (20 km)
Esta cidade cheira a humidade. A humana desapareceu de súpeto; é coma se a tragasen as rúas de pedra… Levo horas deambulando sen rumbo, pero ao chegar a unha gran praza atópome cunha fila de cúmulos translúcidos, flotando e agardando de xeito paciente para subir unhas escaleiras que levan a un edificio moi bonito. Son como a figura escura pero de diferentes tamaños e cores.
Nese momento aparece un biosbardo que se asusta cando nota que podo miralo. Achégase con coidado e cóntame que eses borróns son promesas que a xente lle fai a un tal Santiago. E claro, promesas hainas de todos os tipos. Así que a promesa que fixo a humana debe ser algo turbio e a figura escura estáballa cobrando.
Teño a sensación de que non vou volver ver a humana nunca máis.
O meu novo amigo ofréceme refuxio e dime: «Xogar coa maxia negra sempre é perigoso».