Primeiro premio e accésits do III Certame de Relatos Vigo Histórico

Certamen Relatos na rúa

Estamos moi contentos de poder anunciarvos o relato gañador e os accésits dunha nova edición do Certame de Relatos Vigo-Histórico, por terceiro ano consecutivo. Poñemos moito agarimo na convocatoria deste concurso literario porque nos parece unha maneira ideal de dar o protagonismo que se merece a nosa cidade mentres apostamos por autores novos que precisan apoio e ferramentas para dar a coñecer a súa obra e a súa creatividade.

Pese a insubstituíbel ausencia de Carlos Oroza, este ano contamos cun xurado formado por persoas moi recoñecidas como o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta, a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, a filóloga e documentalista Sonia González López e o profesor e escritor Julio Alonso. Este xurado tivo que traballar a fondo cos 170 relatos admitidos a concurso, para chegar a elixir o primeiro premio de 1000 euros e os 5 accésits de 200 euros cada un, que ademais formarán parte do III Relatos na Rúa, libro que se presentará o próximo mes de decembro xunto á entrega de premios da que vos informaremos chegado o momento. Xa sabedes que nos gusta coidar as nosas edicións e podemos adiantarvos que a cuberta do libro é cousa do artista Antón Patiño o que o fará moi especial.

O acto de resolución tivo lugar no salón de xuntas do antigo Concello da cidade de Vigo (ubicado na Praza da Princesa), estando presentes Sara Alonso en representación de Tressis, o alcalde da cidade Abel Caballero, Javier Romero no noso nome e, o xornalista e parte do xurado, Jacobo Buceta que foi o encargado de dar os nomes dos relatos premiados.

O ano pasado o relato gañador foi La vida de un lápiz e no primeiro ano o vencedor foi La casita de la rúa Real. Este ano o elixido é Nunha maleta caben todos vos ventos de Mª Carmen Pereiro Oliveira, que se converte no primeiro relato gañador escrito en galego e feito por unha muller. A autora estivo presente cando o representante do xurado dixo o seu nome, nunha explosión de ledicia e aplausos.

A gañadora, Mª Carmen Pereiro Oliveira, coas autoridades do acto.

Aproveitamos para dar as grazas a todos os participantes. Emociónanos moito ver como cada ano recibimos máis historias marabillosas, dunha calidade extraordinaria, desde diferentes lugares do mundo. E non nos podemos esquecer de agraceder a colaboración do noso patronizador privado, Tressis, así como o Concello de Vigo que fan posible este Certame.


Publicación más reciente