IV Certame de Relatos Vigo Histórico

Certamen Presentación Vigo-Histórico

Chegou un dos días máis importantes do ano para o equipo de Editorial Elvira, a presentación da cuarta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico. Tivo lugar onte nas oficinas de Tressis, o noso patrocinador privado sen o que sería imposible toda esta aventura, e estiveron presentes Xabier Romero, Jacobo Buceta como membro do xurado, Sara Alonso en nome de Tressis e o alcalde Abel Caballero. Todo baixo o influxo do marabilloso cartel de Cynthia Alfonso que, pensamos nós, recolle a identidade viguesa á perfección, con esa mestura de tradición e modernidade e coa presenza da Panificadora como un dos grandes símbolos da nosa contorna industrial.

Este ano introducíronse algunhas novidades coa finalidade de mellorar a experiencia tanto dos e das participantes como do xurado. A novidade máis salientable é que, ademais do primeiro premio, este ano outorgarase galardón tamén ao segundo mellor relato do certame e serán catro accésits os seleccionados, en lugar de cinco. Isto responde á altísima calidade dos relatos que recibimos e a tentar facilitar as decisións do xurado.

Durante o acto de presentación, Xabier Romero anunciou que este ano o certame contará coa participación dunha ONG viguesa, da que daremos máis datos proximamente, que levará un euro por cada libro vendido. Tamén fixo especial fincapé en que a trama dos relatos participantes ten que transcorrer na nosa cidade, achegando unha visión distinta desta e non como unha simple escusa; porque Vigo é o espírito deste concurso literario.

O alcalde empezou a súa intervención felicitando á editorial porque un proxecto como este sempre é unha aventura que merece recoñecemento. Tamén agradeceu o papel do xurado, poñendo de relevancia o esforzo persoal e a responsabilidade que supón tomar decisións deste tipo. Logo, entre risas, sentenciou que mentres el fose alcalde este certame seguiría a celebrarse.

O obxectivo deste certame é seguir facendo cidade e cremos que é moi importante poñer en valor a creatividade literaria ofrecendo novas ferramentas a todas as persoas que estean interesadas. E como dixo Sara Alonso: «O certame é moi de Vigo e ten que ser moi de todos e todas», así que desexamos animarvos a participar e a facer maxia cos vosos escritos.

O prazo para a recepción dos traballos comeza hoxe, día 8 de marzo, e finalizará o 30 de xuño. O xurado contará cunha cara nova e moi destacada, xa que se incorpora ao mesmo a escritora Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), que se amosou encantada de sumarse a esta iniciativa. Desta forma o xurado estará formado pola propia Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, e o profesor e escritor Julio Alonso.

Admitirase un único texto por autor ou autora, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres). Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador ou gañadora, un segundo premio de 500 e 4 accésits de 200 euros cada un.

Unha vez máis aproveitamos para agradecer o apoio das institucións (Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra) e a participación de Tressis neste certame, sen eles todo isto non sería posible. 

 

Aqui podedes descargas as bases. 


Publicación más antigua Publicación más reciente