"Historias para coñecermos Vigo" nos levan pola cidade olívica da man de oito autores

Historias para coñecermos Vigo Presentación

O proxecto Historias para coñecermos Vigo veu hoxe a luz. Despois de moitos meses de traballo, estes oito libros nos permiten facer un percorrido polos barrios e lugares da cidade viguesa dende a ficción, a través das verbas e historias de oito escritores (Ledicia Costas, Francisco Castro, Marga do Val, María Lado, Amadeo Cobas, Santiago Lopo, Manuel Sánchez Gálvez e Clara do Roxo).

Hoxe tivo lugar a presentación destes libros, editados pola Editorial Elvira en colaboración co Concello de Vigo. No acto estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, o editor Javier Romero; Clara do Roxo, portavoz da asociación cultural Catropatacos, promotor da idea; e os autores dos libros.

Javier Romero destacou o traballo de todos os implicados neste proxecto (autores, editores, a fotógrafa Sandra MG, Concello) que “a pesar de que me roubou algunha noite sen durmir, agora podo dicir que teño unha gran ilusión porque estes libros que presentamos hoxe son para min un éxito tremendo porque estamos a facer Vigo”.

Este proxecto, liderado polas concellerías de Normalización Lingüística e Cultura, terá continuidade no tempo, xa que complementarase con cadernos de traballo para alumnado da ESO e faranse percorridos literarios guiados polas e polos autores dos diferentes libros.


Publicación más antigua Publicación más reciente