CONVOCATORIA: VII Certame de Relatos Vigo Histórico

Estes días estamos mirando polas fiestras das nosas casas máis do habitual; o que vemos é unha cidade fantasmal, case postapocalíptica e lembramos todas esas películas de catástrofes que conforman o noso imaxinario colectivo. Pero vemos tamén persoas sorrir de balcón a balcón, comunidades de veciños organizándose para que non lle falte de nada á señora do quinto que vive sola, e un montón de iniciativas para nos entreter neste confinamento. Por no falar de todo ese persoal sanitario e doutros sectores, que traballan día e noite para tentar devolvernos a degoirada normalidade o antes posible. Todo isto énchenos de esperanza porque así é como conseguiremos superar esta situación: unidos, esperanzados, quedando na casa o maior tempo posible e sendo conscientes de que a vida non volverá ser exactamente igual, porque tenemos moito que revisarnos como sociedade.

A literatura tense convertido na nosa liberdade de movemento durante estes días. E queremos, PRECISAMOS, que se sigan escribindo historias que nos fagan ver a realidade dende outros prismas. Por iso, este ano presentamos o VII Certame de Relatos Vigo Histórico nun contexto complicado e extraordinario: a crise sanitaria do Covid-19.

Todo o equipo de Editorial Elvira ten reflexionado en profundidade sobre a posibilidade de adialo; pero, ao tratarse dunha convocatoria e que non pon en risco ninguna das medidas de distanciamento social que se recomendan dende o goberno, temos decidido seguir adiante coas datas que tiñamos previstas para esta aventura editorial á que temos tanto agarimo. Prescindimos de convocar a rolda de prensa habitual e botámonos a grabar este video para anunciar a posta en marcha da sétima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico.

O noso obxectivo principal é dar saída a toda esa paixón literaria que nos rodea, que é moita e, segundo a nosa experiencia en anteriores edicións do certame, de gran calidade. O mundo está enchido de grandes escritores e escritoras e este é o mellor xeito que atopamos para darvos o lugar que vos merecedes.

O centro deste certame é Vigo, sendo fundamental que a nosa cidade teña un papel protagonista nos relatos participantes. E estamos a poñérvolo doado porque se trata dun escenario de granito que ten sido punto de partida para centos de historias. Un lugar no que o olor a mar e a humidade envólveo todo e que flúe a través dunha conciencia colectiva curiosa.

Os prazos son moi parecidos aos de anos anteriores: empeza a recepción de relatos ás 00:00 horas do venres 27 de marzo e acaba ás 23:59 horas do 1 de xullo. A partir dese momento o xurado terá arredor de dous meses e medio para ler os relatos, reunirse e facer as súas valoracións. Notificaranse os relatos gañadores nun acto informativo no mes de setembro e farase a entrega de premios nunha gala cuxa data será fixada a finais deste ano, na que tamén presentaremos Relatos na rúa VII, un libro no que publicaremos os relatos gañadores (primeiro premio, segundo premio e accésits) xunto a unha selección dos relatos que máis gustaron entre o xurado.

Na nosa web podedes acceder ás bases do certame, que estamos seguros de que resolverán calquera dúbida que vos poida xurdir.

Estamos convencidos de que en tempos revoltos a creatividade é a mellor das terapias para tentar xestionar a incerteza (que é moita e en moitos eidos). Así que, dende o noso confinamento, nos temos proposto seguir poñendo en valor eses universos creativos que nestes intres funcionan como inhibidores dunha realidade que supera a calquera ficción que tivésemos podido ler (ou editar).

Queremos aproveitar para presentarvos un novo proxecto paralelo ao Certame de Relatos Vigo Histórico, que xorde a raíz de toda esta situación na que a solidariedade se fai vital. «Lemos convosco» nace do compromiso de devolverlles aos nosos maiores toda esa tradición oral que nos teñen regalado e grazas á que seguen vivas moitas das nosas lendas. En todo este vórtice de noticias, pésanos especialmente a vulnerabilidade deste sector da poboación e queremos aportar o noso pequeno gran de area para coidar do seu benestar. E isto farémolo, en canto a situación de alarma sanitaria permita visitar residencias, visitando centros de día e asociacións, a través do acompañamento e da lectura dos relatos que conforman os diferentes volumes de Relatos na rúa. Esperamos a vosa colaboración neste novo proxecto, no que estamos a traballar e do que vos iremos informando en próximas datas.

 

O cartel desde ano é obra da artista Beatriz Lobo

Publicación más antigua Publicación más reciente