Categorías
Mundo DDM Poesía

Que necesidade había?

(A dama que fala 41 anos despois)

Necesidade ningunha. O que sucedeu é que, entre 1979 e 1983, Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón inventaron un show itinerante do que se farían versións distintas e do que, daquela, ninguén nunca sabía a duración en escena pola sinxela razón de que non se facían os ensaios precisos. A base de A dama que fala eran os textos —posiblemente, os máis dadaístas que os tres escribiron nunca—, que deron lugar, en parte, a unha publicación, e as colaboracións musicais de Enrique X. Macías e Julián Hernández, e as pictóricas de Menchu Lamas, Antón Patiño (ambos os dous cunha presenza destacada no libro), Ánxel Huete e Guillermo Monroy.

Contactamos cos autores nos seus zulos de Vigo, A Coruña e Arousa, e isto é o que nos dixeron: «Non hai xustificación posible, e tampouco é cousa de que falemos de nós. Alguén podería falar sobre nós, se cadra. O único certo é que, en xeral, non se precisa ningún poema, que A dama é adulta e que os poemas son a mellor coartada».

Claro que se cumpren 100 anos da publicación do Manifesto Surrealista e 41 anos desde que o Grupo de Comunicación Poética Rompente puxera fin ao seu matrimonio de tres, iniciado en 1976, coincidindo coa publicación de A dama que fala nunha editorial comercial (Xerais, 1983). Claro que aos Rompentes os tacharon no seu día de «cosmopolitas» nun país que nifraba canastros. Claro que a súa xuventude nunca lles impediu faltarlle ao respecto a ninguén. Claro que, ao pouco de saír dunha ditadura, autopublicaron libros, hoxe seica cotizadísimos, e fixeron radio surrealista e cine en Super 8 e espallaron panfletos poéticos polas rúas, e claro que A dama nunca lles reprochou nada; pola contra, Ela deixoulles facer. Pero todo iso, certamente, non xustifica nada.

Sábese, iso si, que a súa disolución en 1983 supuxo un alivio para algúns, e que o seu regreso en 2019 —ás portas da covid‒19— foi un pesadelo co que algúns xa non contaban.  

E polo medio que? Polo medio, e mentres agardaban polas medallas ben merecidas á toda a súa traxectoria, seguiron escribindo, amais de ocupar o tempo no rock’n’roll, na televisión e no cine (Reixa), na televisión e no xornalismo (Avendaño), e, basicamente, na televisión, (Romón). Seguiron escribindo e publicando cada un pola súa conta. Escribindo e publicando.

O primeiro regreso colectivo de Rompente foi con Que hostia din os rumorosos? (Elvira, 2021) coa súa correspondente edición en castelán. Agora, con A dama que fala (Elvira, 2024) Rompente recupera o que fora o seu postremo big‒bang en 1983; recupérao cun libro que mostra a todas luces que todo recomezo é un estoupido e un «accidente creativo», un accidente que Rompente deixa caer como un aviso de futuras explosións.